Sumemos en galego: Continuemos a dar aulas na nosa lingua
Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía
Sumemos en Galego: Continuemos a dar aulas na nosa lingua
A Consellaría de Educación vén de publicar no DOG do 25 de maio de 2010 o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza que supón un retroceso sen precedentes e un atentado ignominioso para a nosa lingua. Trátase dun decreto que pretende marxinar o noso idioma do sistema educativo, impide a normalización lingüística e imposibilita que o alumnado acade a competencia suficiente para que poida usar o galego con toda a normalidade. Por primeira vez, preténdese prohibir ao profesorado de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química impartir as aulas no noso idioma coa intención de continuar desprestixiando a nosa lingua, evidenciando, tamén, o desprezo polo traballo, esforzo e compromiso do profesorado que ensina en galego.
Para dar resposta a esta situación, a CIG-Ensino, en colaboración coa plataforma Queremos Galego, convídavos a un encontro que terá lugar o vindeiro día 18 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Pobo Galego, en defensa de podermos continuar a impartir as aulas de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en galego e para amosar o rexeitamento a este decreto que procura erradicar o galego como lingua de comunicación científica. Aproveitaremos, tamén, para acordar as actuacións a levar a cabo durante o vindeiro curso, xa que non podemos ficar impasíbeis perante o lingüicidio do que nos é propio, reafirmando a firme vontade de ensinar en galego como compromiso e lealdade co idioma. Coa unión e a firmeza de todos nós, faremos posíbel que o noso labor normalizador continúe.