Feijóo nin negocia nin contesta

Que farán PSOE, BNG e GeC co horario lectivo do profesorado?

Sindicatos do ensino público interpelan directamente á candidata e aos candidatos á presidencia da Xunta destas tres organizacións políticas, unha vez que Feijóo demostrou unha vez máis o seu desprezo polo profesorado do ensino público galego.

Despois de meses de negativa a negociar por parte da Consellaría de Educación, dun peche sindical e de forzar mesmo unha reunión coa conselleira, de concentracións do profesorado e dunha folga cunha alta participación do persoal docente dos centros públicos de Galiza, todas as organizacións sindicais decidimos dirixirnos ao presidente da Xunta, como último responsábel de que o seu goberno non abra unha negociación para que a partir de setembro de 2020 todo o profesorado galego poida recuperar o que por xustiza e lei nos corresponde: a recuperación dos horarios lectivos previos aos recortes implantados unilateralmente polos gobernos do PP en Madrid e Galiza.

O recibimento que tivemos no edificio de San Caetano, sede do goberno galego, foi absolutamente impresentábel e antidemocrático, coa censura policial aos medios de comunicación que quixeron seguir a noticia, feito que como CIG-Ensino xa denunciamos perante a Consellaría de Educación.

Transcorridas máis de dúas semanas desde a entrega do escrito dirixido a Feijóo, as organizacións sindicais con representación nas Xuntas de Persoal e na Mesa Sectorial lamentamos a falta de resposta polo agora presidente en funcións e candidato do PP á presidencia da Xunta, o que ademais de demostrar unha absoluta falta de consideración e respecto, dá boas mostras da nula intención de recoñecer os nosos dereitos e as nosas xustas demandas.

O día 5 de abril decídese como será o futuro parlamento de Galiza e, por tanto, quen terá maioría para gobernar na Xunta. Son moitos os temas que a CIG-Ensino entende que se lle deben trasladar a quen ocupe a Consellaría de Educación a partir das eleccións, e son coñecidos os temas que centraron as nosas campañas nos últimos anos: redución de ratios, mellora na atención á diversidade, aumento de profesorado, autorización de desdobres e reforzos, redución da burocracia, democratización da elección de direccións, recuperación do noso poder adquisitivo, etc…

A recuperación do noso horario lectivo (18-21 horas) ocupa un papel fundamental entre todas as demandas, trasladadas ao actual goberno e ao que poida saír das urnas do 5A. Non só polas repercusións que a nivel individual terá en todas e cada unha das e dos docentes galegos senón polas consecuencias colectivas que implica e que, en boa medida, gardan relación directa coa maior parte das reclamacións que mantemos como sindicato maioritario.

Por iso, a CIG-Ensino e as demais organizacións sindicais con representación no ensino público, vimos de dirixirlle unha carta persoal ás persoas que encabezarán as candidaturas en representación dos actuais grupos parlamentares na oposición para interpelalas directamente cunha pregunta clara e concisa ao respecto do noso horario lectivo:

Comprométese vostede a negociar a devolución do horario lectivo do profesorado galego para podermos recuperar os 21 períodos lectivos en infantil e primaria e os 18 na secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, con efectividade para o curso escolar 2020/21?

O profesorado, toda vez que Feijóo tendo a posibilidade de facelo xa, decidiu calar e negar toda posibilidade de devolver o que nos arrebatou, ten o dereito a coñecer que farán os demais candidatos e candidata á presidencia do goberno do país nas eleccións do 5A, polo que agardamos unha resposta clara e explícita.

CIG Informa sobre a carta enviada aos grupos parlamentarios sobre o compromiso coa recuperación do horario lectivo

Documento


Volver