Os servizos mínimos da folga do 28Nov son dunha persoa da dirección
Publicados no DOG hoxe luns 27 de novembro
Os Servizos mínimos anunciados pola Consellaría para a súa negociación co comité de folga, aínda sendo aceptábeis, dificultan que o profesorado das unitarias exerza o seu dereito a folga con normalidade, polo que ao igual que ocorreu cos servizos mínimos publicados para a folga do 24 de outubro a CIG-Ensino e demais organizacións do comité non os aceptaron e foron publicados sen acordo.
A CIG-Ensino denuncia que o profesorado das unitarias verá dificultado o seu dereito a secundar a folga ao se incluír a obriga de garantir a apertura e peche de todos os centros.
A CIG-Ensino mostrou na xuntanza o seu rexeitamento aos servizos mínimos propostos ao entender que non debería ser preceptivo que todos os centros educativos tivesen a obriga de permanecer abertos, o que de por si supón unha clara limitación para que as mestras e mestres que traballan en unitarias (non dependentes de ningún CRA) poidan secundar a folga. Porén a CIG-Ensino volve lograr que se inclúan as unitarias nos centros de menos de seis unidades, col cal a mestra ou mestre da unitaria poderá ser substituído por un membro calquera do equipo docente da mesma.
Nota para ter en conta para exercer o teu dereito á folga
Quero ir á folga, teño que facer servizos mínimos? NON, a non ser que sexas UN integrante da dirección (só un, o resto pode ir á folga). Se traballas nun centro de menos de 6 unidades e estás na dirección e hai unha persoa que non vai secundar a folga pode substituírte na obriga dos servizos mínimos. Isto tamén vale para o caso das unitarias.
Poden obrigarme a ir ao centro? Baixo ningún concepto. Estaríase incorrendo nun delito contra a liberdade sindical.
Poden obrigarme a ir ás avaliacións no día da folga? Baixo ningún concepto. Estaríase incorrendo nun delito contra a liberdade sindical.
Teño que comunicar previamente que vou ir á folga? Non, podes facelo libremente mais non tes obriga.