SERVIZOS MÁXIMOS no lugar de mínimos

Publican os servizos "máximos" o último día hábil antes da folga

A Xunta vén de publicar no DOG uns servizos mínimos para a FOLGA DE MULLERES DO 8M convocada pola CIG que son de MÁXIMOS en moitos sectores laborais e nomeadamente no educativo, como aconteceu nas folgas convocadas no comezo de curso pola xestión da pandemia. A CIG presentará hoxe mesmo recurso perante o TSXG contra este novo boicot da Xunta ao dereito, neste caso das mulleres, a exercer o dereito á folga. 

Se no mes de setembro denunciamos que os servizos mínimos aplicados ás folgas de comezo de curso poñían contra as cordas a liberdade do profesorado e do resto do persoal dos centros educativos para exercer o dereito a folga, os que agora se impoñen, sendo os mesmos, teñen unha connotación moito máis restritiva, xa que a folga que a CIG convoca está dirixida só ás mulleres, polo que os servizos mínimos son totalmente innecesarios.

A conivencia do TSXG coa Xunta, usando a pandemia como unha coartada para que os nosos dereitos se vexan absolutamente limitados non fai que agardemos nada positivo. En todo caso, desde o sindicato animamos a todas as mulleres, e neste caso, dos centros educativos, participemos na folga e, no caso de vernos obrigadas a estar en servizos mínimos a que fagamos fotos con cartaces diante dos centros educativos, sempre mantendo as normas sanitarias marcadas pola situación de pandemia.

E se no teu caso si podes facer uso do teu dereito de folga e queres acompañar ás túa compañeiras podes usar o seguinte cartaz.

Unha vez feitas as fotos pregamos nolas enviedes a galiza@cig-ensino.gal e as compartades polas vosas redes sociais.

 

Volver