Seis organizacións sindicais esixen dignidade nos sectores de menores, discapacidade e educación infantil 0-3 diante de Política Social
Estes tres sectores aglutinan a máis de 5.000 traballadores e traballadoras distribuídos por máis de 500 centros de traballo.
Esta mañá representantes da CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT, USO, CUT e SNEP concentráronse xunto con máis dun cento de delegados/as dos sectores da discapacidade, menores e infantil 0-3, ante a Xunta de Galiza porque “a súa paciencia coa Consellaría de Política Social ten un límite”, tal e como comentaron en declaracións aos medios.
Tras a xuntanza do pasado 10 de novembro os sindicatos CIG-Ensino, CCOO Ensino,USO, CUT e SNEP fixeron un esforzo de unidade de acción para presentar e defender unhaspropostas reivindicativas claras á conselleira de Política Social, Fabiola García. O 26 de novembro pediron unha xuntanza nun prazo de 10 días que só obtivo o silencio por resposta. “Unsilencio que é un desprezo absoluto ás OO.SS e ás miles de persoas que representan. O que parecía unha estratexia da CIG que a conselleira cualificou de alboroto á que non ían responder, agora que a demandan todos os sindicatos e todo o persoal traballador temos a mesma resposta e mantén a precariedade laboral nos tres sectores chegando en moitos casos á explotación laboral", indicou Henrique García, responsábel de Ensino Privado da CIG.
“A Xunta de Galiza é a responsable de que hoxe esteamos na rúa. O seuninguneo e a súa negativa a recibirnos, tamén hoxe sen deixarnos pasar até para entregarlle á conselleira en man os escritos que lle remitimos previamente, non vai facer que o persoal destes tres sectores dean un paso atrás na defensa da mellora das ratios, na redución da carga de traballo e na obtención de salarios a través dun complemento autonómico”, engadiu.
Con respecto á folla de ruta a seguir explicou que esta concentración é só o primeiro aviso. “Se a Consellería non abre unha vía de diálogo real e non dá pasos para dignificar os servizos sociais nestes tres sectores o conflito non fará máis que medrar e anunciaranse mobilizacións mais contundentes para as primeiras semanas de xaneiro, que se intensificarán non descartando a folga, polo menos por parte da CIG-Ensino, que xa propuxo e volverá propoñer se a administración segue sen resposta e as patronais non dan pasos adiante con decisión e valentía”.
Demandas por cada sector
As organizacións sindicais acordaron que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais, sociais e salariais dos tres sectores mediante negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais nestes sectores a través do Consello Galego de Relacións Laborais no camiño de acadar convenios dignos e xustos en todos os ámbitos dispoñíbeis —estatal, autonómico ou de empresa—, empregando en cada momento o marco de relacións laborais máis útil para acadar avances reais.
No inmediato, as seis organizacións avogan por reforzar no Consello Galego de Relacións Laborais a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir ratios e mellorar recursos materiais e humanos nos tres sectores, así como ir acabando melloras Laborais e sociais tamén. En concreto estas son as demandas que queren trasladar en cada un dos sectores:
Discapacidade
-Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións.
-Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun Complemento salarial autonómico.
-Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.
Menores
-Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
-O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
-A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal como para os menores.
Infantil 0-3
- Solicitude á Consellería da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
- Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta.
- Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
-A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.

