Segundo día de Folga nas escolas infantís 0-3 de aplicación o XII convenio colectivo estatal de centros de asistencia e educación infantil

Por un convenio digno e salarios xustos nas escolas infantís 0-3: Polo desbloqueo patronal das negociacións.

As traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, etapa 0-3, volverán á folga este mércores, 25 de outubro, en resposta ao bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo, cuxas táboas xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.

Como na primeira xornada de folga (convocada por CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP), o persoal mobilizarase nas cidades de Vigo e A Coruña:

- Na Coruña, a mobilización será ás 11:30 dende a Praza de Pontevedra até o Obelisco, pero ademais, de non rectificar o Concello da Coruña os abusivos servizos mínimos decretados para as escolas infantís municipais (de xestión privatizada), a protesta continuará dende o Obelisco até a Praza de María de Pita.

- En Vigo, a mobilización será ás 12:00 horas diante do MARCO e o persoal irá en manifestación até a Porta do Sol.

Volver