Segunda xornada de folga nas escolas deportivas da Coruña con seguimento total e concentración en Riazor
A totalidade do persoal das escolas deportivas municipais da Coruña está secundando a segunda xornada de folga para reclamar o cobro inmediato dos seus salarios e que os novos pregos contemplen avances reais nos dereitos, tal e como no seu día se comprometeu o Goberno local.
No marco do calendario de folgas acordado para este mes de xaneiro (que se prolongará o luns e martes da vindeira semana), as traballadoras e traballadores tamén están realizando mobilizacións para darlle máis visibilidade a súa loita. Se no día de onte a protesta se fixo diante do Concello, este mediodía, desafiando a choiva e o vento, o persoal e ducias de usuarios e usuarias das instalacións, concentráronse no Pazo de Deportes de Riazor.
Previamente, representantes do persoal mantiveron unha reunión con representantes da Concellaría de Deportes e da empresa Emvsa que, segundo informaron, pasará a facerse cargo do servizo e dos traballadores e traballadoras con carácter retroactivo a 1 de xaneiro. Porén, as cantidades económicas adebedadas con anterioridade (nómina de decembro, a paga extraordinaria e atrasos) terán que ser reclamadas a Serviplus.
Tamén se aclarou que non se producirá unha subrogación a Emvsa, senón unha asunción de funcións mantendo as condicións actuais de cada unha das persoas traballadoras. A subrogación materializarase na seguinte empresa que resulte adxudicataria do servizo.
A loita pola mellora das condicións continúa
Neste encontro non se tratou a cuestión dos pregos, polo que o persoal mantén íntegras as súas reivindicacións por unhas condicións laborais e salariais dignas, para eliminar as discriminacións que existen entre profesionais que desenvolven as mesmas funcións e para reducir as elevadas taxas de parcialidade.
Neste senso, a representación social agradeceu a axilidade do Concello na busca dunha solución á insolvencia e mala xestión de Serviplus -problemática da que os traballadores e traballadores non son culpábeis-, pero lembrou que a súa loita é para conseguir unhas melloras nos dereitos que o propio goberno se comprometeu hai máis de catro anos a incorporar nos seguintes pregos.
Manifestación de Riazor a María Pita o próximo luns
Coincidindo coa folga do próximo luns día 12, o persoal ten previsto manifestarse ás 11 horas dende Riazor até a Praza de María Pita, onde ofrecerán diversas actividades deportivas para todas as persoas que queiran apoiar as súas reivindicacións.

