Segunda xornada de folga na Escola Infantil Merlín de Ames sen que a empresa atenda as súas reclamacións

A empresa non quere reunirse co comité de folga e segue botándolle a culpa á Xunta dos impagamentos e enviou unha comunicación ás familias, que apoian as traballadoras, vertendo acusacións sobre estas profesionais

Hoxe continúa a convocatoria de folga cuns servizos mínimos abusivos malia acudir só nos dous días arredor dun 15% dos nenos e nenas ao centro. As traballadoras agradecen o enorme esforzo que isto supón para as familias que onte acudiron á concentración e enviaron un comunicado de apoio ás súas reclamacións.

Durante a concentración que tivo lugar onte diante das instalacións da escola, a delegada sindical lembrou que levan máis de un ano sometidas a unha situación de incerteza insostíbel e intentando solventar os problemas coa dirección da empresa por todas as vías posíbeis. Ademais do que ten que ver cos impagamentos e atrasos, a xerencia está a incumprir moitas cuestións referidas á normativa como a de non ter unha mestra na escola ou non cubrir as baixas das traballadoras. Neste último ano, e sobre todo durante os máis de dous meses e medio que as traballadoras estiveron sen cobrar, seguiron demostrando a súa profesionalidade conscientes da enorme responsabilidade social que desempeñan. 

A folga continuará mañá e agardan ver algún tipo de movemento por parte do propietario da escola, confirmándolles que van cobrar a nómina de maio pendente e a do mes de xuño. Se non hai ningún avance prevén continuar coas mobilizacións diante da escola. 

Así mesmo, para mañá xoves está prevista unha concentración diante da escola ás oito da tarde na que agardan contar de novo co apoio de toda a comunidade educativa.

Volver