Segunda xornada de folga docente con grande asistencia ás manifestacións diante das delegacións provinciais da Consellaría de Educación

Malia a chuvia, moito profesorado repetiu por segundo día a asistencia ás mobilizacións e outro fíxoo por primeira vez. A Consellaría non pode seguir facendo oídos xordos ante o malestar do seu persoal docente.

O profesorado galego está facendo un grande esforzo económico e laboral secundando as dúas xornadas de folga convocadas para onte e hoxe, que se suman á do pasado 25 de setembro. Mais a asistencia que, de novo desbordou todas as previsións tanto na manifestación de onte en Compostela como na de hoxe das cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra amosa que o seu malestar coas políticas da Consellaría é maior que o que perde secundando as folgas. As marchas previstas para esta mañá contaron con numerosa participación e remataron diante das sedes da Consellaría coa lectura dun manifesto.

Os ánimos non decaen entre o colectivo do ensino público galego. Esta mañá un número moi amplo de profesorado respondeu de novo á chamada da CIG-Ensino, unha das organizacións convocantes da folga para onte e hoxe, a mobilizarse nas catro capitais de provincia para reclamar un xiro radical das políticas da Consellaría de Educación. E fíxoo cunha asistencia que superou as previsións, malia o mal tempo, malia que onte moitas persoas xa acudiran á manifestación en Compostela e malia a fartura que senten no seu traballo polos recortes, a falta de valorización e a privatización.

A Coruña

Na Coruña, as persoas manifestantes saíron ás 11:30 horas do Colexio Alborada onde esta noite se pecharon un grupo de corenta docentes para visibilizar o conflito laboral e as súas demandas ante os medios de comunicación e nas redes sociais. O percorrido pola cidade herculina entorpeceu a actividade circulatoria e a manifestación rematou diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos. A encargada de ler o manifesto final por parte da CIG-Ensino, Xela Armas, recalcou que “o profesorado galego está facendo historia con esta loita iniciada a comezos de curso despois de 15 anos de recortes nos que todas as enerxías e a responsabilidade profesional se volcaron en atender o alumnado. O profesorado galego non abandonou a loita nin o pulso á Consellaría en todo este tempo e esa forza é a que a obriga a ceder de cando en vez en cuestións que rexeitaba de facto nun primeiro momento. O camiño andado, sobre todo nestes apenas dous meses de curso, tennos que levar a sentirnos moi satisfeitos e satisfeitas”.

Pontevedra

No mesmo sentido se expresou a secretaria comarcal da CIG-Ensino, Tamara Martínez, que leu parte do manifesto en Pontevedra despois de que a marcha percorrera a cidade desde o Instituto Valle Inclán, onde esta noite outro grupo de medio cento de docentes pasou a noite pechado. “A loita é a razón”, canta Mardeafora nunha canción dedicada á loita feminista como único camiño para acadar a igualdade. Pois tomando como exemplo esta loita estamos hoxe aquí imprimindo a nosa pegada na historia do ensino público do noso país”. Ademais, enumerou as principais reivindicacións que levaron a convocar esta folga. “No tema das ratios -rezaba o texto- é ofensivo o que a Consellaría propón, un calendario até o curso 32/33 para completar a redución a 20 en primaria e non comezar a negociación para a baixada en secundaria até o curso 27/28. Tómannos por parvos e parvas. Non hai outra definición. Coa crise de natalidade do noso país e moitos centros no rural abocados ao peche a Consellaría hipoteca totalmente o futuro do ensino obrigatorio en Galiza. No que respecta ao horario a baixada en primaria fíxose a custe cero, sen incrementar o número de mestres e mestras, ao contrario do que acontecera en 2007 cun incremento de 1000 efectivos a raíz daquel acordo que rebaixara as horas lectivas a 21. Para as outras ensinanzas, o castigo máis absoluto. Permanecer nas 20 horas que aplicou Rajoy hai agora 13 anos e deixando a Galiza á cola do Estado na recuperación dese dereito”. Mención especial tivo tamén neste manifesto o exceso de burocracia. “Está claro que ao profesorado non hai papel que se lle resista”, ironizou, citando colectivos como o persoal de orientación ou o profesorado dos centros integrados de FP e das escolas artísticas como especialmente castigados polo papeleo.

Ourense

Na capital das Burgas a manifestación tivo un percorrido circular con saída e chegada diante da propia Delegación Territorial, dada a distancia existente co centro no que se celebrou o peche pola noite. A encargada da lectura dunha parte do manifesto foi Elena Añel, membro da executiva da CIG-Ensino. Na súa intervención lembrou que “as reivindicacións de melloras laborais van todas unidas á mellora do ensino público xeral, da atención educativa e da equidade social. Por iso esta loita é tan importante. Porque está en xogo o futuro da nosa sociedade, unha sociedade máis xusta e igualitaria. Está en xogo tamén que o noso alumnado non descoñeza a súa lingua e a súa cultura, que teña pensamento crítico e adquira nas aulas valores relativos á convivencia en paz, ao respecto aos dereitos humanos e á protección do noso medio natural. E está en xogo a nosa dignidade profesional e social, tan castigada e maltratada nos últimos anos pola administración galega”.

Lugo

Por último, na capital lucense a manifestación saíu da Horta do Seminario, unha praza próxima a varios centros de ensino, incluído o Lucus Augusti ao que unha trintena de persoal docente se achegou onte pola tarde e no que unha representación quedou a durmir, para rematar tamén diante da Delegación Territorial de Educación. A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo pechou a lectura do manifesto alentando ao profesorado a non renderse e a manter o pulso á Consellaría. “Fixemos un esforzo inxente por activarnos, por convencer a compañeiros e compañeiras de que tiñamos que reaxir fronte aos ataques, aos recortes e á propaganda. Vímolo estes días nos centros, con cartaces e faixas á vista de toda a comunidade educativa, nas redes sociais, rompendo a censura dalgúns medios de comunicación... E conseguimos unha unidade e unha forza en menos de dous meses de curso que, tede por seguro que no búnker da Xunta molesta e moito. Temos que seguir, socializando o conflito, unindo as nosas demandas coas de alumnado e familias, e facéndonos respectar en todos os ámbitos. Temos que seguir para recuperar e avanzar en dereitos e temos que facelo cada vez sumando máis profesorado, como aconteceu estes dous días, sen decaer até vencer, porque como cantaba Mardeafora, a loita é a razón, e nós témola toda!”, concluíu.

Volver