Segunda reunión sobre o RD de especialidades que determinarán os perfís das prazas e os ámbitos de coñecemento aos que se adscribirán os postos de traballo nas universidades públicas

Nesta nova reunión o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades convidou ás organizacións sindicais a enviar por escrito as achegas que presentamos sen ter opción a negociación ou debate sobre as mesmas.

O Ministerio convocou  ás organizacións sindicais o 13 de xaneiro a unha reunión na que se pretendían negociar diversos aspectos relacionados directamente coas condicións laborais do profesorado derivadas do borrador do real decreto no que se cambian as actuais áreas do ámbito universitario e se crean ou transforman as especialidades e ámbitos de coñecemento.

Durante a reunión non houbo tempo suficiente para debater sobre aspectos que a CIG-Ensino considera importantes e que xa enviamos por escrito ao Ministerio para a súa consideración.

Hai que ter presente que as especialidades de coñecemento teñen un papel fundamental no que será o cadro de persoal docente investigador nas universidades xa que veñen a substituír as denominadas “áreas” actuais. A importancia radica en que o profesorado terá que estar adscrito a, polo menos, unha das especialidades que marca o RD e que as prazas que se oferten terán que estar enmarcadas nun ámbito de coñecemento e nunha especialidade concreta. Así, todos os postos de traballo terán que estar vinculados a un ámbito de coñecemento e unha especialidade.

Propostas concretas da CIG ao texto
  • No borrador aparece a especialidade 198 “Lingua e lingüística galega e portuguesa”, e no ámbito literario aparece unha separación axeitada. A proposta é dividir a especialización actual 198 (segundo se propón no borrador) en dúas: lingua e lingüística galega por unha banda, e lingua e lingüística portuguesa por outra.
  • En canto á especialización 340 “Tradución e interpretación”, o RD debería incluír, como disposición adicional ou aclaración, que esta especialización estará vinculada a unha lingua específica para que o perfil do posto de traballo que se oferte non deixe lugar a dúbidas sobre a lingua que responda ás necesidades docentes.
  • Na páxina 13 inclúese un apartado que enumera especialidades procedentes do Real Decreto 1312/2007 que: “non aparecen por cambiar de denominación ou por subdivisións (…) pero que seguirán vixentes formando parte do catálogo de especialidades do coñecemento oficiais”. O texto non aclara de forma expresa se se poderán seguir convocando prazas con esas denominacións antigas, ou se ditas especialidades quedan só como referencia histórica/transitoria, sen efectos plenos en novas convocatorias. A falta de claridade pode provocar interpretacións diverxentes entre universidades e inseguridade xurídica nos concursos. Pedimos que se inclúa unha aclaración na redacción que solucionaría un problema interpretativo relevante.
  • O Real Decreto debe establecer un marco de referencia para a adscrición das especialidades a cada un dos ámbitos de coñecemento que sirva de punto de partida para asociar cada especialidade a un ámbito de coñecemento. Independentemente de que cada universidade, no marco da súa autonomía poida modificar a proposta do Ministerio, cremos que esta clasificación debe aparecer no documento.
  • Regular as afinidades entre ámbitos de coñecemento. Co obxectivo de dar claridade e coherencia aos perfís das posibles prazas ofertadas faise necesario coñecer cales son os ámbitos afíns en cada caso. Na parte introdutoria do borrador fálase de postos de traballo tematicamente afíns pero se non hai unha certeza sobre estas afinidades non se vai poder establecer criterios comúns e obxectivos na oferta das prazas.

Coa xustificación pertinente todas estas achegas foron enviadas ao Ministerio ao remate da reunión.

A CIG-Ensino lamenta a falta de negociación

O Ministerio insiste en resposta a algunha das achegas da CIG que son aspectos do Real Decreto estritamente académicos xa debatidos con Facultades e Decanatos. A representación do sindicato maioritario no ámbito universitario galego amosou a súa desconformidade con este argumento xa que, sendo aspectos académicos, derivan necesariamente nas condicións dos postos de traballo do persoal docente e da oferta de futuras prazas.

En xeral do documento dimanan moitas incertezas que terían que ser obxecto de negociación e aclaración. En canto ao calendario que o Ministerio ten previsto traslaron que o seguinte paso é elevar o texto a exposición pública na maior brevidade posible para recoller suxestións e propostas e no mes de marzo telo aprobado.

Volver