Seguimento total na primeira das catro xornadas de folga nas escolas deportivas da Coruña
O persoal reclama o cobro dos seus salarios, os atrasos e que os novos pregos recollan as melloras laborais e retributivas que levan anos reivindicando
O 100% do persoal das escolas deportivas municipais da Coruña está secundando este xoves a primeira das catro xornadas de folga convocadas para reclamar o cobro inmediato dos salarios (teñen pendente de recibir a nómina de decembro e a paga extraordinaria) e reivindicar que os novos pregos de condicións recollan melloras nas condicións retributivas e laborais.
Neste primeiro día de folga -que continuará os días 9, 12 e 13 de xaneiro-, as traballadoras e traballadores concentráronse diante do Pazo de María Pita co apoio de ducias de persoas usuarias que quixeron trasladarlles deste xeito a súa solidariedade. Aínda que xa estaban convocados con anterioridade, os paros prodúcense tras coñecerse a decisión do Goberno local de retirarlle a prestación do servizo a Serviplus e que sexa a empresa pública municipal Emuvsa quen xestione as instalacións.
Segundo as informacións trasladadas, Emuvsa farase cargo do servizo un máximo de seis meses -co obxectivo de que neste prazo o Concello saque a licitación o novo contrato- e asumirá o pago dos salarios no momento de materializarse a subrogación. O colectivo agradece a axilidade na toma desta decisión por parte do Goberno municipal, mais a inseguridade non rematou xa que descoñecen cando se producirá o cambio, en que condicións se realizará ou que ocorrerá coas cantidades adebedadas por Serviplus: a nómina completa de decembro, a paga extraordinaria de nadal e os días que transcorran até a subrogación.
“Enténdese que será Emuvsa quen faga estes pagos, pero a incerteza segue aí, e como moi cedo o persoal comezará a cobrar algo a partir do mes de febreiro”, advirte o responsábel de ensino privado da CIG, Henrique García. A estas contías, ademais, engádese que a metade do persoal ten pendente de percibir os atrasos xerados dende xaneiro de 2024.
Novos pregos
Alén da problemática xerada polo impago dos salarios, García critica que nos próximos pregos contémplase un importante incremento na dotación económica “pero non se aumentan as partidas para mellorar as condicións laborais e salariais reivindicadas polo persoal”. Apunta que só medran os servizos das escolas, que pasarán a recoller servizos como os campamentos de verán ou nadal e incorporar outras actividades deportivas, pero nada relativo áa dignificar os salarios, rematar coas discriminacións e reducir a elevada parcialidade.
Por iso, as traballadoras e traballadores “seguirán loitando para que se dea resposta ás súas xustas demandas” e decidiron manter as catro xornadas de folga e as mobilizacións convocadas para este mes.
Informar que para a folga de mañá venres e do martes 13 está convocada tamén unha concentración ás 12h no Pazo de Deportes de Riazor; mentres que o luns 12, o persoal sairá en manifestación ás 11h dende Riazor até a Praza de María Pita onde ofrecerá unha sesión de actividades deportivas para todas as persoas que queiran participar.

