Seguimento maioritario na segunda xornada de folga do ensino concertado
Milleiros de traballadores e traballadoras maniféstanse polas rúas de Santiago e concéntranse diante da Consellaría de Educación para esixir a apertura de negociacións na Mesa Tripartita (sindicatos, empresas e administración)
Esta segunda xornada de folga foi consecuencia da inoperatividade do responsábel da Consellaría de Educación, Román Rodriguez, despois da folga parcial levada a cabo o 9 de setembro. Estas dúas convocatorias, en menos de un mes, terán continuidade en novas xornadas de protesta (o 10 de novembro e o 15 de decembro), tal e como aclamou e manifestou o persoal traballador hoxe nas rúas.
Reivindicacións xustas e lexítimas do persoal traballador do ensino concertado:
- Acordo do complemento de equiparación salarial de 2008 e redución da xornada lectiva.
- Pagamento da PEA (Paga Extraordinaria de Antigüidade) deixada de aboar dende hai 17 anos, así como complementos de certos cargos como dinamización lingüística, coordinacións, titorías ou outros.
- Novo acordo de xubilación parcial que non deixe fóra a moitos compañeiros e compañeiras con parte da súa xornada en pagamento privado, así como un novo AME (Acordo de Mantemento Emprego), xa que o Acordo de Recolocación non garante o mantemento de todos os postos de traballo.
- Establecemento dun complemento salarial autonómico para o PAS que dignifique os seus salarios.
En declaracións aos medios, o responsábel de Ensino privado da CIG, Henrique García, “hoxe o persoal traballador do ensino concertado esixiulle nas rúas ao conselleiro, Román Rodriguez, que se convoque a Mesa Tripartita de Negociación do ensino concertado de inmediato e se fixe un calendario de negociacións. De non facelo, e manter esta irresponsabilidade manifesta despois de dúas folgas do sector o primeiro mes de curso, quen ten que intervir é o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para primeiramenteabandonar a súa inacción neste e noutros sectores e, en segundo lugar, destituír do seu cargo o conselleiro de Educación, se este non é quen de solucionar os problemas dos sectores que están ao seu cargo”.
Segundo Henrique García, Rueda “debe cambiar o rumbo das súas políticas educativas, mirar de verdade pola calidade do ensino en xeral na Galiza, non antepoñer fins economicistas e deixar apropaganda esaxerada e pagada da que abusan, tanto el coma as súas Consellarías”.
Xa para rematar, Henrique García tamén se dirixiu ás patronais da concertada para que tomen nota das reivindicacións, pois tamén teñen responsabilidade, especialmente cando se está a negociar o convenio do sector en Madrid.
Novas relacionadas

