Seguimento maioritario na primeira xornada de folga parcial no ensino concertado, a pesares dos servizos mínimos impostos
Esta mañá houbo paros parciais de 9 a 12 horas para esixir melloras salariais e do horario lectivo, o abono da Paga Extraordinaria de Antigüidade recortada hai 17 anos, a aplicación da xubilación parcial sen restricións e o mantemento do emprego.
Milleiros de traballadores e traballadoras manifestáronse nas Delegacións territoriais e do edificio central da Consellaría de Educación reclamando a homologación laboral para un sector que atende ao 30% do alumnado e esixindo a apertura de negociacións na mesa Tripartita.
Esta xornada de folga foi consecuencia da calada por reposta do responsable da Consellaría, Román Rodríguez ante as múltiples accións reivindicativas levadas a cabo no curso pasado e comezo deste: escritos reivindicativos das seis organizacións con representación no sector, concentración e peche na Consellaría en San Caetano, caravanas de coches reivindicativas nas Delegacións territoriais de Educación, boicots ao conselleiro en actos públicos, envío de correo masivo polo persoal traballador tanto ao conselleiro coma ao director xeral de RRHH... Esta acción terá continuidade en máis xornadas, tal e como manifestou o persoal traballador na rúa, que representa a 7.000 docentes en toda Galiza, ademais de corear consignas coas súas reivindicacións.
Reivindicacións xustas e lexítimas do persoal traballador do ensino concertado:
- Acordo do complemento de equiparación salarial de 2008 e de redución da xornada lectiva.
- Pago da PEA ( paga extraordinaria de antigüidade), deixada de aboar dende fai 17 anos, así como complementos de certos cargos, dinamización linguistica, coordinacións, titorías,...
- Novo acordo de xubilación parcial, que deixa fóra a moitos compañeiros e compañeiras con parte da súa xornada en pago delegado, así como un novo AME (acordo mantemento emprego), xa que o Acordo de Recolocación non garante manter todos os postos de traballo.
- Estabelecer complemento salarial autonómico para o PAS, que dignifique os seus salarios.
Segundo o responsable do ensino privado da CIG, Henrique García, as seis OO.SS. representativas do sector e o persoal traballador que secundou a folga parcial, chamaron a actuar con responsabilidade ao conselleiro, Román Rodríguez, para que deixe de converter a Consellaría de Educación nunha auténtica “fábrica de conflitos” e cambie o rumbo das súas políticas educativas, abrindo negociacións na Mesa Tripartita do ensino concertado, deixando de ser meremente informativa esta mesa. Neste sentido esixiu que “mire de verdade pola calidade do ensino en xeral en Galiza sen antepoñer fins economicistas e deixando a propaganda esaxerada da que abusan”.
Tamén quixeron mandar outro recado ao presidente, Alfonso Rueda, o verdadeiro responsable da situación de precariedade laboral e salarial, así como da conflitividade laboral e xa non só no sector do ensino, senón tamén no resto de servizos públicos: sanidade, menores, discapacidade, infantil 03, maiores, SAF... e outros moitos.
Xa para rematar, tamén se dirixiron ás patronais da concertada, para que tomen nota das reivindicacións pois tamén teñen responsabilidade, máis cando se está a negociar o convenio do sector en Madrid.
Sobre os SS.MM (1 do equipo directivo, 1 PAS e o 20% de docentes e o 20% de persoal complementario), García indicou que foron decretados sen negociación e con total imposición. “Consideramos estes servizos mínimos abusivos, desproporcionados e inxustificados. A folga é un dereito fundamental e a Consellaría conculca este dereito con criterios moito máis restritivos que os impostos o xuño pasado nos C.E.E. pola folga na discapacidade, menores e infantil 03, así como nas seis xornadas de folga do ensino público do curso pasado”, sentenciou.
Novas relacionadas

