Seguimento do 80% no cuarto día de folga e afluencia masiva á manifestación en Compostela en demanda dun convenio digno para o primeiro ciclo de educación infantil

Esta mañá centos de traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta clamaron en Santiago por uns salarios dignos que nalgúns casos non chegan ao SMI, máis dereitos laborais e respecto por un traballo esencial.

Esta é a cuarta xornada de folga, a quinta se se ten en conta a que houbo a finais do curso pasado, despois de que "as patronais do sector manteñan enquistadas as negociacións, con máis de 11 reunións en dous anos e sen ningún avance", como salientou Henrique García, responsábel de Ensino Privado da CIG quen lembrou que este convenio afecta en Galiza a máis de 2000 traballadoras de arredor de 200 centros.

O malestar e o enfado entre as traballadoras das escolas infantís da etapa 0 a 3 anos non deixan de aumentar, tal e como se puido constatar hoxe tanto no seguimento, cifrado nun 80% tendo en conta os abusivos servizos mínimos impostos xa non só polas empresas senón tamén pola Xunta e algunhas administracións locais, como na asistencia á manifestación unitaria en Compostela. Na marcha, na que participaron arredor de 800 traballadoras (no sector en Galiza traballan 2000 e moitas delas viron conculcado o seu dereito á folga) que saíu da Alameda con chegada a Praterías, previa parada diante da Confederación de Empresarios de Galiza, coreáronse consignas como "A nosa vocación non paga facturas", "Nin garderías nin xardíns, somos escolas infantís", "Non pode ser, non pode ser, coidar os vosos fillos e non chegar a fin de mes", "Patronal, escoita, estamos en loita" ou "Se somos esenciais cobremos como tais". 

Segundo destacou Henrique García nas declaracións aos medios "estas convocatorias pretenden desbloquear as negociacións en Madrid despois de dous anos negociando sen ningún avance. "Máis ben o contrario", cargou García contra a patronal, "xa que nas últimas propostas só presentan algunha mellora salarial pero recortando outros dereitos". Neste sentido lembrou que hai diferentes táboas salariais para os centros de educación infantil que son privados ou de xestión directa pero que "moitas das traballadoras apenas chegan ao SMI coa enorme responsabilidade que teñen nos seus postos de traballo, alén de atender o alumnado, todo o traballo de programación, preparación de actividades e elaboración de memorias e doutros documentos. En case dous anos celebráronse 11 mesas de negociación, a última despois do terceiro día de folga onde a patronal volveu ofrecer involucionismo e miseria", recalcou.

Manifesto conxunto

Ao remate da marcha as delegadas sindicais das catro organizacións convocantes (CIG, a maioritaria no sector en Galiza, CCOO e SNEP, que están desde o comezo das mobilizacións e UGT que se sumou nesta última convocatoria) leron un manifesto consensuado no que lembraron a perda de poder adquisitivo que levan sufrindo nos últimos anos co estancamento duns salarios xa de por si irrisorios e a suba da inflacción. "As patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva ás traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais", sinalan no texto. Así mesmo, lembraron que se a semana que vén non se produce ningún avance por parte da patronal nas negociacións non se rendirán e continuarán con mobilizacións e novas xornadas de folga.

Volver