Ruptura da unidade sindical na discapacidade, menores e infantil 0-3: fronte ás escusas e ao inmobilismo por parte de CCOO, UGT e USO, dende a CIG-Ensino seguimos na loita

A unidade sindical non pode ser unha cadea que nos ate á pasividade nin unha estratexia de comunicación para ocultar a falta de traballo nestes sectores, iso si é unha irresponsabilidade, como a dobre moral de asinar o convenio en Madrid e denuncialo aquí

Ante o comunicado emitido por UGT, CCOO e USO anunciando a ruptura da unidade sindical na campaña de Política Social (Discapacidade, Menores e Infantil 0-3), coa única finalidade de desprestixiar á CIG e o seu modelo sindical, dende a CIG-Ensino queremos aclarar a realidade dos feitos e reafirmar o noso compromiso con todo o persoal traballador:
  1. Unha escusa para fuxir:A utilización nunha concentración o mércores 25 “dunha faixa reivindicativa do convenio galego” en tres centros de Ourense: Monteledo, Montefiz e Montealegre, que están xuntos —unha decisión soberana dos propios comités neses centros— para rachar a unidade sindical é unha escusa barata. A CIG, nun exercicio de lealdade á unidade, xa comunicara ao día seguinte, xoves 26, que retiraría ese material audiovisual para non xerar confusión, aprazando o debate á reunión do venres 27. A resposta de UGT, CCOO e USO foi romper sen falar, nin escoitar, demostrando que levaban tempo buscando a porta de saída e que xa tiñan a maleta feita. Os tres comités dos 3 centros xustifican por que actuaron deste xeito  (en resposta á negociación dos convenios propios das súas empresas, dado que estas pretenden impoñerlles o convenio estatal) e recoñecen que ao mellor facelo coincidir cos “mércores en loita” non estivo acertado.
  2. Quen puxo iniciativa e o traballo? A realidade é que a campaña "Persoal Política Social en Loita" mantívose viva grazas á insistencia, ás propostas e ao esforzo da CIG (coa colaboración da CUT e o SNEP sempre). O 80% do material, das fotos, vídeos e da dinamización nos centros saíu das nosas bases. Ademais, mentres a CIG presionaba para convocar folga, peches, manifestacións... o "trío sindical" respondía sistematicamente con negativas e inmobilismo. Non estaban cómodos co ritmo da loita porque nunca creron nela. Así, precisamos un mes de negociación para acordar reivindicacións conxuntas (sen mencionar “convenio galego” cando viñamos, con CUT e SNEP, de mobilizacións e unha folga en novembro, e co persoal mobilizado...) e tres meses para facer unha concentración e unha caravana de coches diante da Xunta de Galiza... Esta falta de acción enfriou o conflito no canto de aumentalo, para unha maior presión a unha Consellaría de Politica Social bunquerizada e allea ao persoal traballador.
  3. Antecedentes de traizón: Esta non é a primeira vez que nos atopamos con este escenario. Xa en Educación Infantil 0-3, tras seis xornadas de folga históricas e unha campaña de recollida de sinaturas masiva, estas mesmas organizacións, romperon a unidade sindical, deron as costas ás traballadoras e asinaron un convenio estatal que non recolle as necesidades do sector.
  4. A loita continúa con quen quere loitar: A saída de UGT, CCOO e USO non arrefría os nosos ánimos; pola contra, clarifica o panorama. O luns mesmo retomamos a estratexia con SNEP e CUT, organizacións que si demostraron estar á altura das circunstancias.

O noso obxectivo segue intacto: Melloras laborais e salariais reais e a loita por un Convenio Galego en cada un dos sectores, para que os nosos dereitos se decidan aquí e non en despachos de Madrid onde se asinan retrocesos e precariedade laboral.

Mellor soas/sos e ben acompañadas/os pola dignidade nos 3 sectores, que atadas/os a quen só busca a paz social a costa da precariedade das traballadoras/es.

A loita é o único camiño para mellorar e avanzar!

Volver