
Rotas as negociacións no convenio estatal de Infantil 0-3: a solución, convenio galego xa!
Información da 18ª mesa negociadora do XIII Convenio Estatal Educación Infantil 0-3
Rotas as negociacións tras a marcha atrás dos sindicatos estatais fronte ao “ultimato patronal”, nos termos que sempre defendeu e denunciou publicamente a CIG-Ensino en solitario. O sindicato parabeniza a todas as delegadas e afiliadas da CIG e ao conxunto das traballadoras do sector pola lección de dignidade rebentando o “principio de preacordo” ao que se tiñan entregadas outras forzas sindicais.
Na 18ª mesa negociadora de onte, 27 de xaneiro, os catro sindicatos estatais rexeitaron o seu “principio de preacordo” da 17ªBIS mesa negociadora, que suporía unha venda sindical sen precedentes, tal e como leva denunciando e informando a CIG-Ensino en solitario dende a 16ª mesa, tras o mutismo e ocultamento que patronais e sindicatos levaron a cabo das negociacións.
A CIG-Ensino parabenízase polo traballo feito nas mesas negociadoras en Madrid, defendendo a todas e cada unha das traballadoras e traballadores do sector, nos termos que ordenaron nas mobilizacións levadas a cabo con 6 folgas, mobilizacións e recollida de máis de 6.000 sinaturas da CIG en solitario na Galiza (sen que souberamos máis nada do que fixeron ou deixaron de facer outros sindicatos).
O sindicato tamén destaca o traballo informativo e de concienciación feito entre a súa base social que, grazas ao traballo realizado polas delegadas sindicais e afiliadas, se trasladou ao resto de traballadoras galegas, para logo transcender ao resto de traballadoras do estado español a través das redes sociais. A CIG-Ensino considera que se deu unha lección de dignidade no sector, tanto a patronais como sindicatos maioritarios, facendo cambiar o rumbo das negociacións e, por agora, rebentando o “principio de preacordo” que tiñan, deixando claro que cando se negocia con trampas a loita é o único camiño.
“A boa entendedora poucas palabras”: Acta da 18ª mesa negociadora.
Un convenio galego, a única solución.
A CIG-Ensino, como sempre afirmou, tratará de traballar por un marco galego de negociación, co fin de loitarmos por un convenio digno e xusto na Galiza. A última reforma do Estatuto dos Traballadores, fixando a prevalencia dos convenios autonómicos sobre os estatais, remata xa coa escusa que moitos (sindicatos e patronal) tiñan á hora de se negar a que sexa o galego o marco das nosas relacións laborais. Agora todo depende da vontade de ambas partes: que unha maioría sindical e patronal a nivel galego acepten que sexa en Galiza onde negociemos o futuro das condicións de traballo das traballadoras das escolas infantís de 0-3 anos.
A CIG-Ensino non deixará de defender os dereitos de todas as traballadoras do sector no marco estatal mentres non exista un marco galego mais nunca aceptará un pacto á baixa como estaba pechado cos demais sindicatos. A actual correlación de forzas, cunha patronal pechada a avances reais e unha posición sindical estatal maioritaria que xa vemos o que deu de si non fai albergar ningunha esperanza de que poida existir a curto prazo unha saída digna e xusta e que cubra os obxectivos fixado pola parte do persoal das escolas infantís.
De aí que a CIG-Ensino propoña unha nova unidade de acción aos demais sindicatos da Galiza con representación no sector para poder facer realidade, máis cedo que tarde, unha vella demanda da nosa central sindical e, cónstanos, da inmensa maioría do persoal das escolas infantís de 0-3 anos.
Nas mans de todas e todos está forzar, coa representación sindical da CIG, e apoiar, coa sinatura, este camiño que comezamos en setembro de 2024 nos centros coa “Campaña polas melloras laborais, sociais e salariais: por un convenio galego digno”.