Román Rodríguez marcha do Consello Escolar de Galiza sen escoitar as valoracións sobre o inicio de curso do resto de membros

Na que foi a primeira reunión “técnica” coa Consellaría deste curso, o seu titular chegou, soltou a súa propaganda e marchou para colgar a nota de prensa tres horas antes do remate da reunión.

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, interveu en Rogos e Preguntas para expoñer a situación real dos centros de ensino galegos e rebateulle os datos de incremento de profesorado, sustentados exclusivamente na Formación Profesional e na trampa de computar as prazas Mega, Proa+ e demais programas financiados con fondos alleos. Ademais denunciou a precarización que supoñen os nomeamentos a media xornada e esixiu a baixada inmediata das ratios en todas as etapas, a recuperación do horario lectivo docente, a eliminación real da burocracia innecesaria, unha maior dotación de medios para atender a diversidade e unhas retribucións xustas que fagan fronte ao incremento dos prezos e que non discriminen entre docentes que fan o mesmo traballo.

As formas e o fondo das actuacións desta Consellaría baseadas na propaganda están chegando a extremos case insultantes. Onte tivo lugar a primeira reunión do Consello Escolar de Galiza, o órgano consultivo de maior relevancia do sistema educativo galego, no que estaba prevista a comparecencia do conselleiro para dar conta das “novidades” do inicio de curso. Pois ben, Román Rodríguez limitouse a aparecer para dar os datos que o seu departamento leva anunciados nas últimas semanas reiteradamente aos medios e nos eventos da Consellaría, incluídas as xornadas de benvida ao funcionariado en prácticas, e a continuación marchou sen posibilidade de réplica por parte das entidades que forman parte deste órgano. Isto demostra unha vez máis como emprega o PP a Xunta e as institucións, como meros amplificadores da súa publicidade. 

A responsábel da CIG-Ensino, Laura Arroxo, pediulle ao conselleiro que, ao igual que fixo co número de alumnado, desagregara os datos de profesorado a tempo completo por niveis ou etapas educativas. “Non o fai porque como acaba de recoñecer só se incrementou o de FP mentres que o resto baixou. Nos orzamentos levamos catro anos coa cifra de profesorado inalterábel. Ademais o conselleiro falsea as matemáticas ao contar medio docente máis outro medio como dous, por exemplo, cando isto equivale a un único posto de traballo.” Precisamente sobre o incremento alarmante das vacantes de inicio de curso a media xornada (tan só 273 na primeira semana, a maioría do Plan Mega e do Proa+) dixo que “estamos ante un paso máis da precarización do traballo docente con salarios que non dan para pagar alugueiros ou gastos de transporte”. Tamén alertou do incremento do número de vacantes de Infantil e Primaria que saíron con afíns. “Temos medio mestre traballando nun centro que itinera con outro, medio Mega, medio especialista en Inglés q a metade do horario realiza labores de Pedagoxía Terapéutica... Isto é no que converteu Infantil e Primaria o seu departamento”, sinalou. 

“A respecto do incumprimento do Acordo de renuncias, como o denomina a CIG-Ensino poucas cousas salientábeis -engadiu-, dado que fóra de 4º e 5º de infantil non se aplica nada, nin baixada de ratios nin cómputo da diversidade para cálculo de desdobres. Tampouco no que ten a ver cos agrupamentos nin hai ningún avance nas ensinanzas de Secundaria, Bacharelato, FP e de réxime especial”. Sobre o manido dato da ratio de un ou unha docente por cada 9 estudantes, Arroxo volveu insistir en que as cifras reais son as do cómputo de alumnado que se atende nun curso que en Secundaria supera a cantidade de 150 sen ser especialidades minoritarias.

A atención á diversidade no punto de mira da Consellaría

Arroxo afeoulle aos responsábeis da Consellaría presentes que precisamente onde máis recortaran fora na atención á diversidade coa eliminación este verán da convocatoria das prazas de atención preferente e de RAOGAL e co control político da dotación de especialistas de PT e AL. “A inclusividade da que presume non é abrir as portas dos colexios, é que o alumnado con necesidades estea ben atendido”, incidiu. 

Rectificar, Recuperar, Recoñecer

Desde a CIG-Ensino defenderon a súa folla de ruta baseada na campaña RECTIFICAR, na que se lle pide á Consellaría que negocie avances reais para a mellora do ensino público, RECUPERAR os dereitos que o profesorado viu arrebatados polos recortes empezando polo horario de 21 e 18 horas en primaria e secundaria respectivamente e RECOÑECER a función docente. Sobre este último obxectivo Arroxo deu varios exemplos nos que a Consellaría ten que mudar a súa actitude: na transparencia na información, no respecto aos órganos de negociación que cada vez máis son de imposición, no desbloqueo da negociación do Plan de igualdade e do Protocolo de Acoso e na liberdade do profesorado para educar en valores. Neste sentido referiuse ao mantemento no cargo do subdirector xeral de Inspección Educativa que publicou artigos nos que cuestiona a “ideoloxía de xénero”, chama “clase ociosa” ao profesorado ou ve na diversidade nas aulas un “problema. “A neutralidade ideolóxica que pregoan, que é ao fin e ao cabo censura, non a aplican aos propios cargos da Consellaría que fan alegatos da sanidade privada nas xornadas dirixidas a quen acaba de aprobar as oposicións ou que escollen conscientemente falar castelán malia que o galego é a lingua das institucións galegas”, sinalou Arroxo 

A responsábel do sindicato maioritario apuntou que no Consello Escolar de Galiza deberían debaterse problemáticas como as prazas desertas nas oposicións que supuxeron este ano o 33% da oferta total, e non só o 18% da oferta libre como dixo o conselleiro. “Hai moitas variábeis detrás desta realidade pero hai unha que non se pode obviar e é que nalgunhas especialidades ser docente xa non é unha opción profesional atractiva. Non sei que lle parecen as ocorrencias da súa compañeira de partido en Madrid, se as comparte ou lle parecen unha desvalorización do traballo docente”, aludiu Arroxo á proposta de Isabel Díaz Ayuso de que estudantes ou profesorado xubilado imparta Matemáticas ante a ausencia destes profesionais. “Todo pasa por recoñecer como se merece esta profesión, por dotar do profesorado necesario os centros, pagarlle o verán ao persoal substituto que traballe cinco meses e medio e eliminar papeleo que non serve para nada. O conselleiro veu aquí vender a súa folla de ruta. Nós como sindicato maioritario advertimos que temos a nosa, cunha representación igual de lexítima que a do seu goberno e que aproveitaremos cada órgano e cada acción para conseguir melloras reais para o ensino público e o profesorado galego, o verdadeiro piar do sistema malia que lles pese”, concluíu.

Volver