Rexistrada a convocatoria de folga no ensino público para o 12 de decembro

Convocatoria unitaria para recuperar os horarios lectivos e mellorar as condicións de traballo

Está chamado á folga todo o profesorado do ensino público non universitario galego nunha xornada que terá o seu punto forte nunha manifestación nacional en Compostela.

 

As organizacións sindicais do ámbito do ensino público de Galiza seguen adiante co calendario reivindicativo previsto, logo da marcha cara a San Caetano do día 13 de novembro e das concentracións que tiveron lugar nas sete cidades o pasado xoves 21. Nesta data a CIG-Ensino xa remarcaba que a folga era a única saída á que nos levaba unha posición da Consellaría absolutamente contraria aos dereitos do profesorado e dun mutismo total fronte ás demandas de abrir unha negociación para aplicar a redución horaria de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente, nun momento no que sete comunidades autónomas xa o fixeron.

Chamamento ao profesorado

Fronte ao desprezo e a negativa do goberno galego só cabe a mobilización. Son precisos cambios que muden a situación actual e que incidan na necesidade de mellorar as nosas condicións de traballo. Recuperar os nosos horarios previos aos recortes non é só un acto de xustiza por parte dun goberno minimamente responsábel, senón tamén unha obriga para que, sen traballar menos, poidamos traballar mellor.  

O goberno galego non só fai ouvidos xordos ás demandas sindicais senón que incide nos recortes e, por segundo ano consecutivo, reduce o número total de docentes incluídos nos orzamentos da Consellaría de Educación, amosando claramente que non tomará por iniciativa propia ningunha medida correctora das súas políticas de recortes de dereitos senón todo o contrario.

Terá que ser o profesorado galego quen obrigue o goberno Feijóo a ser escoitado e a única vía que nos deixan é a convocatoria de folga xa rexistrada. Desde a CIG-Ensino chamamos o profesorado a tomar as rendas desta mobilización e trasladar unha resposta clara ás rúas o día 12 de decembro. O sindicato maioritario no ensino público leva semanas percorrendo os centros educativos informando sobre as mobilizacións e a folga. De aquí  ao 12 de decembro percorremos a totalidade das nosas escolas, institutos e resto de centros, activando unha resposta que ten ser contundente, baleirando as aulas e enchendo as rúas de Santiago de Compostela, nunha manifestación nacional convocada igualmente por todas as organizacións sindicais e que sairá da Praza de Cervantes ás 12 horas do día 12 de decembro.

Material para axudar a espallar a folga.

Engadímosvos a continuación imaxes en distintos formatos para que, xunto co cartaz, vos axuden a espallar a folga nos vosos centros, redes sociais...

 

Volver