Reunión para resolución definitiva de recoñecemento de Competencias Dixitais Docentes

A resolución definitiva, unha vez que o Dr. Xeral reciba e aprobe o informe da comisión de recoñecemento, sairá publicada tanto na páxina web da Consellería como en DOG

En canto ao recoñecemento de titulacións, a Administración informou de que recibiu dúas reclamacións. Ambas foron admitidas dado que se trataba dun defecto de forma na certificación emitida polas universidades correspondentes.

Sobre evidencias, recibíronse 33 reclamacións das que se estimaron 7 e se desesteimaron 26. Como aclaracións ao recoñecemento, a Consellería indicou:

  • Non se recoñecen se non se referencian os méritos aos indicadores do Marco de referencia ou non se xustifican, cando menos,un 80% dos mesmos.
  • Para os niveis C1 e C2 é imprescindible que as evidencias sobarden o ámbito da aula xa que se se restrinxen ao que fai a persoa docente co seu alumnado sen saír da mesma, non recibirá unha certificación de CDD superior ao B2.
  • Para o recoñecemento do nivel C1 será necesario que as evidencias repercutan no ámbito do centro.
  • O nivel C2, que se pode recoñecer por áreas, atribúese a evidencias que sobardan o centro e que poden estar relacionadas con investigacións, publicacións de libros ou teses.
  • As evidencias deben ter sempre impacto educativo.
  • A través dun recoñecemento de CDD da educación pódese chegar a acadar unha CD cidadá pero non á inversa xa que esta última non ten por que ter relación coa educación.

En resposta á petición sindical na reunión, mantida o pasado día 10 de decembro, da resolución provisional desta convocatoria, a Administración indicou que, tal como indica a propia convocatoria, non se recoñecerán como CDD de oficio para o nivel B2 a especialidade de Laboratorio, nin a impartición de materias como afíns, nin as que imparten as persoas docentes en centros concertados por non ser titulares das especialidades correspondentes.

A Administración comprometeuse a revisar estes aspectos en futuras convocatorias que se abrirán  cando a Consellería considere  e que espera que sexa antes do verán do  2025. Ante esta decisión a CIG-Ensino insistiu no seu desacordo e  recalcou que para esas futuras convocatorias debe pasar o borrador das mesmas pola mesa sectorial. Deste xeito o profesorado e a súa representación sindical poderán ser partícipes da mesmas de maneira que non se repita o agravio da convocatoria pola que rexeu este primeiro recoñecemento de CDD por titulacións e e evidencias.

Desde a CIG-Ensino tamén insistimos en que a aplicación de “Datos persoais” debe de estar aberta durante máis tempo do que o está actualmente xa que adoita restrinxirse aos períodos dos concursos de traslados.

Isto é moi importante a efectos de recoñecemeno de CDD porque a Administración insistiu en que non recoñecerá roles que non estean volcados na mesma previamente.

Volver