Reunión co MEC sobre a modificación do Real Decreto de Concurso de Traslados

MODIFICACIÓN REAL DECRETO DE CONCURSO DE TRASLADOS

A CIG-Ensino, xunto coas outras organizacións sindicais, estivo presente nunha reunión celebrada o xoves día 9 para tratar unha modificación puntual do RD 2112/1998 de Concurso de Traslados.
REUNIÓN CO MEC SOBRE A MODIFICACIÓN DO REAL DECRETO DE CONCURSO DE TRASLADOS


O xoves día 9, a CIG-Ensino e as outras organizacións sindicais estiveron presentes nunha reunión co MEC, para tratar unha modificación puntual do RD 2112/1998 de Concurso de Traslados.

As modificacións do Real Decreto que propón o MEC son de dous tipos, as que fan referencia aos Corpos de Catedráticos para adaptalos á LOE, sen cambios salientábeis e as que fan referencia ao concurso de tralados no corpo de mestres, onde si se introduce unha modificación moi importante para o vindeiro concurso de ámbito estatal que se celebrará neste ano.

A proposta do MEC obriga a obter o primeiro destino definitivo na especialidade pola que se aprobou a oposición aos que aprobaron a oposición polo proceso transitorio, dada a creación da especialidade de Primaria (2007 e 2008 de momento).  

A CIG-Ensino manifestou a súa oposición a esta modificación dado que vai prexudicar ao profesorado que non obtivo destino definitivo neste pasado concurso de traslados (cando concursaron como funcionarios en prácticas e polo tanto pola especialidade que aprobaron) e que agora, sendo xa funcionarios de carreira, poderían (coa norma en vigor) solicitar a habilitación noutra especialidade (pola que cursaron os estudos). Consideramos que esta modificación réstalles dereitos dado que a norma até agora só obrigaba a obter destino no ámbito territorial no que se aprobara o proceso selectivo.

Por parte da Administración, que non tiña analizado a importancia desta modificación e os prexuizos que causa, manifestou que o borrador fora de moi difícil negociación coas CCAA e que polo tanto a súa intención é aprobalo tal e como nolo presentaron argumentando que é para unha soa convocatoria de concurso.

As outras organizacións sindicais non tiñan reparado na importancia da modificación e até a intervención da CIG-ENSINO só fixeran referencia a que se debía comprobar que non houbera colectivos afectados; unha vez nós intervimos varias coincidiron en que debería eliminarse a referencia á obrigatoriedade de obter destino pola especialidade pola que se aprobou a oposición.

Podes ver o Borrador de Real Decreto na seguinte ligazón: Ligazón

Volver