Resposta ás declaracións de Núñez Feijoo sementando desconcerto sobre o futuro do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Concentración diante da sede do PP

A CIG vén de realizar unha concentración hoxe, 12 de marzo, diante da sede do Partido Popular, en resposta ás declaracións feitas polo futuro presidente da Xunta de Galicia nas que cuestionaba a eficacia e os custos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, deixando entrever o seu desmantelamento.
Concentración diante da sede do PP en resposta ás declaracións de Núñez Feijoo cuestionando o futuro do Consorcio


A CIG vén de realizar unha concentración hoxe, 12 de marzo, diante da sede do Partido Popular, en resposta ás declaracións feitas polo futuro presidente da Xunta de Galicia nas que cuestionaba a eficacia e os custos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, deixando entrever o seu desmantelamento.
 
A esta concentración asistiron os delegados e delegadas e as presidentas dos comités de empresa do Consorcio para manifestar o seu rexeitamento a calquera proposta de recortes das prestacións sociais, ao despedimento de traballadores e traballadoras e á privatización desta rede de equipamentos de servizos sociais.
 
Tamén se entregou, na sede do PP, un escrito da CIG no que se lle informa ao Sr. Núñez Feijoo da realidade do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, posto que deu mostras abondas de descoñecela ao imputarlle burocratismo; demándaselle que non dea un paso atrás nos índices acadados de atención e de cobertura; amósaselle a nosa negativa a poñer en mans privadas, preocupadas só polo beneficio particular, unhas prestacións que precisamente se fundan no benestar común e, obviamente, esíxeselle a defensa dos postos de traballo dos profesionais necesarios para que este servizo se preste coa calidade e dignidade suficiente.

Volver