Representantes sindicais da CIG-Ensino, FSIE, UGT, CCOO, USO e SNEP instan o conselleiro, Román Rodriguez, a cambiar o rumbo das súas políticas educativas e abrir negociacións na Mesa Tripartita do Ensino Concertado

O encontro, forzado, tivo lugar nun acto da patronal Escolas Católicas “bendicido” polo responsábel da Consellaría, a quen se lle fixo entrega dun escrito reivindicativo mentres se repartían folletos entre os centos de docentes asistentes

Este luns 29 de xuño, unha delegación dos seis sindicatos representativos do sector do ensino concertado acudiu ao encontro do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e do seu director xeral, J.M. Bértolo, para instalos a cambiar o rumbo das políticas educativas do goberno do PP na Xunta de Galiza e sentarse dunha vez a negociar as reivindicacións do persoal traballador na Mesa Tripartita da Concertada, que debe deixar de ter unha función unicamente informativa e impositiva por parte da Consellaría.

Para acadar este encontro, as organizacións sindicais aproveitaron un acto da patronal Escolas Católicas celebrado en Santiago, “Encontro de educadores/as”, ao que estaban convidados tanto o conselleiro coma o director xeral de centros, para “bendicir” a inauguración. Na mesma entrada ao acto, repartíronse folletos reivindicativos informativos entre os centos de traballadores e traballadoras asistentes. A Román Rodriguez fíxoselle entrega dun escrito coas “Principais reivindicacións do persoal traballador”, que o pasado día 26 de xuño xa se fixeron públicas en tres concentracións diante da súa Consellaría en Santiago e nas Delegacións Territoriais de Vigo e Coruña coa lectura dun manifesto, no que tamén se demandaba un calendario de negociacións para este colectivo que atende aproximadamente o 30% do alumnado galego das etapas non universitarias.

Así e todo, tralas claras mensaxes enviadas nas últimas mobilizacións, tanto o conselleiro coma o director xeral parecen non comprender a transcendencia do fastío de traballadores e traballadoras que están a ver como dende hai máis de dezaoito anos as súas condicións laborais, sociais e salariais se van precarizando.

O seguinte paso, se a Consellería segue coa súa inoperancia, será unha folga no primeiro día do curso, o 9 de setembro.

Volver