Representantes da CIG-Ensino, CUT e SNEP concentráronse diante das instalacións de Amicos en Boiro ante a visita da conselleira Fabiola García
Esixíronlle que reciba e escoite o persoal traballador nas súas reivindicacións e na mellora da calidade do servizo.
- Centros de atención a persoas con discapacidade
- Centros de Menores
- Educación Infantil
- Política Social
Representantes da CIG-Ensino, CUT e SNEP concentráronse diante das instalacións de Amicos en Boiro ante a visita da conselleira Fabiola García, para esixirlle que reciba e escoite o persoal traballador nas súas reivindicacións e na mellora da calidade do servizo.
Algo máis dunha ducia de representantes dos tres sindicatos que manteñen a unidade sindical (CIG-Ensino, CUT e SNEP) nos sectores de discapacidade, menores e infantil 0-3, concentráronse de forma improvisada diante das instalacións de Amicos en Boiro coa intención de darlle en man as propostas reivindicativas dos tres sectores á conselleira de Política Social, Fabiola García. Entrega frustada pola colaboración da “represora laboral e sindical” (só co persoal da CIG, con máis de 20 despidos), a Asociación Amicos e unha decena de policías da Xunta, a modo de escolta da conselleira, e gardas civís alí presentes. Para algunhas cousas hai cartos...
Dende 2023 leva a CIG-Ensino, sindicato maioritario nos tres sectores, pedindo unha xuntanza coa conselleira, por activa e pasiva, incluso se solicitou cos demais sindicatos e só se obtivo o silencio por resposta. “Un silencio que é un desprezo absoluto ás OO.SS e ás miles de persoas traballadoras que representan, así como aos milleiros de usuarios e usuarias que padecen a falta dunha mellor calidade no servizo que reciben, persoas todas elas vulnerábeis, debido á precariedade laboral e salarial que hai nos tres sectores, chegando en moitos casos á explotación laboral", indicou Henrique García, responsábel de Ensino Privado da CIG.
A Xunta de Galiza é a responsábel de que o persoal traballador estea na rúa mobilizándose, non intercedendo ante unha Consellaría e unha Asociación que son fábricas de conflitos. O seu ninguneo e a súa negativa a recibilos non vai facer que o persoal destes tres sectores dean un paso atrás na defensa da mellora das ratios, na redución da carga de traballo e na obtención de salarios dignos a través dun complemento autonómico, camiño dun convenio galego digno en cada un dos sectores, engadiu.
Con respecto á folla de ruta por seguir, explicou que este tipo de concentracións (como as dos centros de traballo, en institucións públicas, diante das patronais), manifestacións, peches, paros... serán o camiño a seguir. “Se a Consellería non abre unha vía de diálogo real e non dá pasos para dignificar os servizos sociais nestes tres sectores, o conflito non fará máis que medrar e anunciaranse mobilizacións cada vez máis contundentes -non descartando a folga, polo menos por parte da CIG-Ensino- se a administración segue sen resposta e as patronais non dan pasos adiante con decisión e valentía”.

