Representantes da CIG-Ensino concéntranse coincidindo coa Mesa Sectorial para denunciar recortes educativos

O sindicato acompañou a reunión da mesa de negociación cunha protesta contra o que denominan a pandemia dos recortes

Coincidindo coa reunión da Mesa Sectorial Docente convocada na mañá de hoxe, 16 de decembro, delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse diante da sede da EGAP, na que tivo lugar a reunión. A convocatoria responde ao malestar existente entre o profesorado pola continuidade da política de recortes da Xunta en materia educativa ás que desde o sindicato maioritario xa se contestou con concentracións ao comezo de curso e que, agora que remata o primeiro trimestre escolar, é necesario destacar.

Baixas sen cubrir, tamén en plena pandemia

A CIG-Ensino considera totalmente insuficiente a rectificación da Consellaría logo da denuncia do sindicatoao non se estaren a cubrir as baixas desde o venres 10 de decembro. O feito de que a Consellaría reaccionase cubrindo 19 baixas de Infantil o propio venres, deixando 96 substitucións sen cubrir nese mesmo día, 59 delas do resto de especialidades de Primaria e 35 dos corpos de secundaria e outras ensinanzas, só obedece á unha decisión planificada por parte dos responsábeis políticos da Consellaría de Educación de supeditar todo a recortar “gastos” sexa como sexa.

No momento de redactar esta nova, 16 de decembro, atopámonos con 313 baixas sen cubrir, 207 delas en infantil e primaria.

A decisión da Consellaría de deixar sen cubrir prazas cando se aproximan períodos non lectivos como o Nadal ou a semana santa ou o final de curso é unha irresponsabilidade, porque implica deixar sen docencia a centos de nenos e nenas durante, nalgúns caso, períodos superiores a quince días. Forma parte dunha “normalidade tóxica” desta administración que se repite case todos os cursos. Mais se en calquera momento xa ten recibido a contundente crítica da CIG-Ensino, ás veces con rectificacións da Consellaría, que se dea neste momento é un insulto ao alumnado, ao profesorado e ao conxunto da comunidade educativa, estando como estamos en plena pandemia.

Tense dado o caso de que nalgún centro de primaria (nos que se mantén o criterio de non mesturar os denominados “grupos burbulla”) se ten indicando a unha única docente que se faga cargo de “custodiar” o alumnado de dúas aulas diferentes sen que entren en contacto.

Os contratos ARCO, máis parches que nunca

As críticas da CIG-Ensino tamén se estenderon á decisión da Consellaría de non ampliar os contratos do profesorado vinculado ao programa ARCO. Neste caso, as demandas feitas polo sindicato diante da Dirección Xeral de Centros non foron tidas en consideración en ningún momento e mantense a decisión de cesar a todo estas compañeiras e compañeiros no remate da actividade lectiva do mes de decembro, malia teren comezado os seus contratos con máis dun mes de retraso sobre o publicitado polo conselleiro de Educación. Os contrato, pensados para o reforzo educativo a partir do comezo de curso, non comezaron até outubro, e mesmo nalgúns casos, chegando até finais de mes sen cubrir as prazas.

A CIG-Ensino sempre se mostrou contraria a estre tipo de contratos programa e solicita que todos os fondos orzamentarios para contratar profesorado de reforzo se faga incrementando os cadros de persoal durante todo o curso escolar. Neste sentido, desde o sindicato consideramos que Educación debe rectificar e tomar a decisión de ampliar os contratos. Somos conscientes da necesidade de que se faga até o final de curso, mais como mínimo debería ser durante toda a duración prevista inicialmente no programa, que era dun trimestre escolar.

Mala xestión dos fondos para os reforzos educativos

Todo o que se afaste destas decisións de ampliación dos contratos é un pésimo exemplo da mala xestión duns fondos recibidos pola Xunta por parte do Fondo Social Europeo e o Ministerio para o reforzo educativo, deixando sen gastar parte deses fondos. En que cabeza cabe que sen deixen de gastar uns fondos comprometidos, primeiro polo retraso na contratación e despois pola incapacidade de rectificación da Consellaría?

Desde o sindicato insistimos: rectifique, conselleiro; só cando é así, acerta.

 

CIG

Ligazón á información da mesa sectorial (xoves 16 de nadal)

Volver