
Rematada a negociación do novo sistema de oposicións a CIG-Ensino mantén o seu rexeitamento ao mesmo
Xa podedes consultar o novo borrador de Real Decreto
Ademais da petición de adiamento da negociación ao mes de setembro solicitamos a prórroga por un ano máis do sistema de acceso transitorio, prórroga que nos daría maior prazo para negociar un novo sistema de oposicións ao tempo que os futuros opositores podían estar tranquilos sabendo que a nova proposta sería para aplicar en 2013, pero a nosa petición non foi atendida.
A CIG-ENSINO denuncia que o Ministerio está a facer un uso electoralista deste tema, pois as súas presas só poden ser entendidas en base ás diversas declaracións de membros do PSOE en actos partidarios sobre a necesidade de posta en marcha xa dun novo sistema de acceso do profesorado ao sistema público de ensino. O propio goberno do estado non é quen de comprometerse a garantir unha oferta pública de emprego ampla en 2012 que permita renovar os cadros de persoal diminuídos polas xubilacións e atender ás necesidades existentes. Para qué entón tanta presa? A CIG-ENSINO ten claro que é por puro electoralismo.
Na última reunión o Ministerio comprometeuse a enviarnos o documento final que contén algunhas modificacións ao respecto do que é coñecido pola comunidade educativa pero que no conxunto mantén o fundamental da proposta inicial, unha proposta inicial que lembramos foi amplamente rexeitada polos opositores e os interinos nas asembleas que celebramos en Galiza no pasado mes de xuño.
Este documento, será o que debata o Ministerio coas Comunidades Autónomas en reunión que está previsto realizar nos vindeiros días.