
Referendo 25 outubro
Contra os recortes no ensino público
DIRECTRICES PARA O REFERENDO DO PROFESORADO DO 25 DE OUTUBRO
Co obxecto de que poidas amosar directamente a túa opinión sobre os recortes que se están levando a cabo no ensino público por parte da Consellaría de Educación, sobre a imposición da ampliación do horario lectivo sen ningún tipo de negociación e a imposición da custodia do alumnado transportado, participa no referendo que realizará en todos os centros públicos de Galicia, o 25 de outubro.
É importante que deixes reflectida a túa opinión toda vez que o Conselleiro afirmou que o profesorado apoiaba maioritariamente as medidas levadas a cabo, minimizando o impacto das mobilizacións, nomeadamente das manifestacións e das folgas.
Para a CIG-Ensino, é moi importante que o profesorado demostre de maneira masiva o rexeitamento aos ataques ao ensino público e á desvalorización e descrédito permanente do profesorado.
HORARIO DE VOTACIÓN
Organizarase entre as 10:00 e as 13:00 horas.
Centros con EPA ou con clases pola tarde (EOI, CMUS, etc): de 10:00 a 13:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas.
CRAS: entre 16:30 e 18:00 horas.
CENTROS DE VOTACIÓN
Todos os centros. Para as unitarias adaptaranse as medidas oportunas, co obxecto de que poidan exercer o voto no seu centro de referencia.
ESCRUTINIO
Realizarase nos horarios previstos, podendo iniciarse no momento en que remate a votación de todo o profesorado. Cada centro poderá adaptar o horario proposto, sempre e cando todo o profesorado do centro sexa informado do horario de votación. Por exemplo, pódese limitar o horario de votación ao tempo do recreo, mais todo o profesorado debe sabelo e aqueles que teñan garda de recreo serán substituídos no tempo imprescindíbel para poder votar.
ELECTORES E ELECTORAS
Profesorado en activo na Consellaría de Educación o día do referendo, podendo votar tanto o profesorado que estea sendo substituído como o substituto.
ACREDITACIÓN DO ELECTORADO
Mediante un documento que acredite a identidade do votante (os habituais nun proceso de elección).
CENSO
Solicitarase á Dirección unha listaxe de profesorado en activo con destino no centro.
PAPELETAS DE VOTACIÓN
Achégasevos o modelo de papeleta, no que se riscará a resposta.
CONSTITUCIÓN DA MESA
Estará constituída, de xeito voluntario, por tres persoas: unha presidencia e dous/dúas vogais, das que unha exercerá de secretario/a. De haber máis persoas que postos, sortearanse. Unha mesa estará formalmente constituída cando haxa, polo menos, dúas persoas, exercendo unha de presidente/a e outra de secretaria/o.
ACTAS
Formalizarase unha acta (achégase modelo) na que se dará conta do resultado da votación. Remitirase copia da acta polos seguintes medios:
- FAX e Correo electrónico de CIG Ensino. 981 575 839 organizacion@cig-ensino.com
- FAX e Correo electrónico de FETE UGT. 981 575 033 galicia@feteugtgalicia.es
En todo o non previsto, seguiranse, con carácter xeral, os criterios que rexen os procesos electorais.