Recreos con Dereitos: o profesorado galego segue na loita por recuperar os seus dereitos

Horarios, ratios e mellora na atención á diversidade son algúns dos temas que centrarán os recreos con dereitos do martes 17 de marzo

Este martes, 17 de marzo, o profesorado galego mostrará unha vez máis o seu apoio a un ensino público de calidade nunhas concentracións que se farán nos centros educativos do país aproveitando os recreos.

Nestas concentracións, convocadas polas organizacións sindicais con representación nas Xuntas de Persoal e na Mesa Sectorial esixirase a redución de ratios, mellora na atención á diversidade, aumento de profesorado, autorización de desdobres e reforzos, redución da burocracia, democratización da elección de direccións, recuperación do noso poder adquisitivo, etc…

A recuperación do noso horario lectivo (18-21 horas) ocupa un papel fundamental entre todas as demandas, non só polas repercusións que a nivel individual terá en todas e cada unha das e dos docentes galegos senón polas consecuencias colectivas que implica e que, en boa medida, gardan relación directa coa maior parte das reclamacións que mantemos como sindicato maioritario.

Desde a CIG Ensino facemos un chamamento a todo o profesorado galego a secundar estas concentracións na que será unha mostra do mesmo espírito que conseguiu paralizar a LOMCE e logrará recuperar os dereitos do profesorado.

Cartaces.

Para as citadas concentracións pomos a disposición do profesorado os seguintes cartaces.

Clica neles para acceder ao pdf que poderás imprimir

Volver