Razóns para a folga do 24 de outubro: por que é precisa a mobilización polos nosos dereitos?
A CIG-Ensino repasa as renuncias que implica deixar fóra do “acordo” as cuestións fundamentais demandadas longamente polo profesorado
A CIG-Ensino presenta un balance resumido das principais cuestións que fan que as medidas impostas como ultimato no texto do acordo respondan aos intereses da Consellaría e impliquen a perda dunha oportunidade única, ao ser a primeira negociación en 14 anos de melloras de condicións laborais. O sindicato chama o profesorado a reclamar a mellora do presente acordo, obrigando á Consellaría a rectificar e asumir a recuperación dos nosos horarios, a redución de ratios xeralizada e con prazos asumíbeis e a implantación de medidas concretas para reducir a burocracia, entre outras cuestións.
O sindicato distribuirá en todos os centros do país e entre todo o profesorado un CIG-Informa no que con todo detalle se desmonte o que supón aplicar este acordo, deixando tirado o profesorado. A acción sindical estenderase dun xeito intenso até a xornada de folga para a que o sindicato chama a unha participación masiva na manifestación que partirá da Praza de Cervantes en Santiago de Compostela ás 12 horas do día 24 de outubro.
As formas: un trágala disfrazado de negociación
Logo de 14 anos de ter pasado de 21 a 25 horas lectivas en Infantil e Primaria e 12 anos despois de pasar de 18 a 20 en Secundaria e tras levar anos reclamando a redución das ratios e de mostrar suficientes mostras dun profesorado farto, abafado pola burocracia, a negociación que deu lugar ao acordo asinado por CCOO, ANPE e UGT foi unha aparencia coas seguintes partes:
Inicio: pártese dunha proposta non só insultante senón que nin sequera incorpora un dos temas centrais, a recuperación do horario lectivo do profesorado. Ir á baixa para que calquera cousa pareza un avance.
Trama: a Consellaría fai que vai cedendo levemente, os demais sindicatos entran a ese xogo e a CIG-Ensino négase e anuncia que non negociará se non se incorpora o tema da redución do horario lectivo.
Desenlace: a Consellaría introduce a cuestión do horario mais dun xeito inasumíbel, sen recuperar integramente o horario das 21 horas no corpo de mestres e sen incorporar nada do resto. Marca a chantaxe para que exista coartada: se non se asina non hai garantía de que se aplique.
Pano de fondo: fíxose todo nun tempo récord e supeditado ao calendario electoral que lle interesa ao PP, poñendo a sinatura do acordo no último día de debate no Parlamento galego do estado da nación: servilismo até o último minuto.
É dicir, o profesorado foi empregado como refén de intereses partidistas do PP e duns sindicatos que prefiren renunciar á mobilización e deixar tirado ao profesorado nas reclamacións que até hai 10 meses estaban nos programas das eleccións sindicais e que na propia negociación se trazaron como liñas vermellas, unhas liñas que ao final foron unha inmensa alfombra vermella para un acordo que non dá resposta ás exixencias do profesorado galego.
O fondo: desmontando as renuncias e reforzando a mobilización.
Por que a CIG-Ensino dixo non?
Horario
- O acordo pecha toda posibilidade de chegar ás 21 horas en Infantil e Primaria. Non se pode considerar unha mellora cando nin sequera se recupera o que nos pertencía no ano 2009.
- Pechar unha negociación dicindo que xa se negociará despois outra vez é un insulto á intelixencia (mesmo a de que asinaron). A Consellaría dixo por activa e pasiva que non aparecería no texto nin sequera a redución a 19 horas en secundaria e cumpriu a súa palabra. Déixase sen ningunha mellora ao 60% do profesorado.
- Ningún dos asinantes, administración ou sindicatos, quixeron sequera considerar a proposta da CIG-Ensino de adoptar medidas compensatorias con aquelas etapas educativas que imparten máis tempo de docencia (porque as sesións son todas de 60 minutos)
Ratios
- Nonse adquire o compromiso de levar a un texto normativo as novas ratios para darlle carácter de máximos, co mesmo carácter que as actuais.
- Queda indefinidamente aberta a porta á “excepcionalidade” por falta de espazo nun centro para aumentar as ratios. Faise isto hoxe en día coas ratios actuais? Non. Esa é a trampa.
- É escandaloso que como compensación a esa excepcionalidade se fale de incorporar UN ou UNHA mestra de PRIMARIA en total nun centro educativo.
- O calendario de redución está pensado para acompasarse coa propia caída da matrícula, estendendo até 9 anos a aplicación en Primaria. Tan só o calendario de Infantil (3 anos) pode cualificarse como razoábel, aínda que non dea o paso de ir máis alá na redución.
- A partir do curso 2026/27 comezaría supostamente a negociación da aplicación dun calendario de redución na ESO e no Bacharelato. De seguir o proceso de agardar a que remate primaria, non habería redución completa na ESO até o curso 36/37 e no Bacharelato até o 38/39.
- Nin FP, dá igual a modalidade ou se é FP Básica, nin as ensinanzas de réxime especial terán ningunha redución de ratios.
Burocracia
- A Consellaría vende a mesma idea tres veces e hai quen lla compra. O conselleiro de anunciou en febreiro de 2023, nunha reunión coa Executiva da CIG-Ensino, que ía crear un grupo de traballo para ver de reducir a burocracia; volveu dicilo a comezos de setembro e incorporouno no texto do acordo. A idea, “simplificar tarefas”
- Non se incorpora a redución de horas lectivas para o profesorado en función dacarga burocrática que asuman (direccións, coordinacións, titorías...)
- Non se acepta o aumento da ratio de persoal administrativo nos centros educativos
Atención á diversidade
- Un apartado que introduce melloras sobre a situación actual (especialmente no caso de Infantil e Primaria) como é o cómputo do alumando repetidor na ratio ou o cómputo dobre ou triplo de alumando con discapacidade, dependencia ou trastornos graves da conduta, resulta insuficiente porque non ten en conta tipoloxías de necesidades educativas que non teñan ese recoñecemento oficial e requirisen igualmente unha menor ratio. A CIG-Ensino propuxo que fose a solicitude dos departamentos de Orientación co informe vinculante dos Equipos de Orientación Específicos os que se tivesen en conta para reducir ratios por atención a necesidades educativas.
Retribucións
- Os cartos usáronse como noutros acordos (sen ir máis lonxe, o do 2018): para comprar vontades e para negar melloras laborais. Mais nesta ocasión dun xeito peor: dividindo o profesorado e negando que a maioría puidese ter unha suba digna.
- O único incremento que cobrará todo o profesorado será o de 10,64€ (en dous anos) de incremento na titoría
- A proposta da CIG-Ensino consistía en dividir dun xeito lineal entre todo o profesorado o diñeiro total que a Xunta ía poñer enriba da mesa. Esta medida implicaría, segundo cálculos da CIG partindo de cifras oficiais, unha suba de 81€ para todo o profesorado sen excepción, o que beneficiaría ao 74% do profesorado que tería unha suba superior á pactada (sumando sexenios, cargos e titoría).