Quinta reunión no SIMA do XVI convenio estatal de servizo e atención ás persoas con discapacidade

Novo aprazamento da mediación no SIMA cun posible preacordo ao ditado das patronais, entre estas e as OO.SS estatais maioritarias

A 5ª reunión no SIMA do XVI convenio estatal de servizo e atención ás persoas con discapacidade, rematou cunha nova ACTA DE APRAZAMENTO para o 23 de setembro, logo de chegar  os dous sindicatos maioritarios e as patronais a un posible preacordo ao ditado destas últimas, que van a concretar e asinar no vindeiro SIMA, nun novo exercicio de entreguismo sindical e perda dunha nova oportunidade de avances reais no sector, que dignifiquen o convenio en dereitos laborais, sociais e salariais dunha vez e que o persoal traballador está a demandar, para poñelo a altura da súa profesionalidade, formación, esforzo e implicación.

Como xa ven adiantando a CIG-Ensino este XVI convenio pecharase en falso, cos dous acordos parciais miserentos asinados en tres anos e unha adaptación legal do resto do mesmo, xunto cunhas mínimas  melloras sociais, que hipotecarán o futuro, abarcando mínimo 3 anos máis (que tería que ser o XVII convenio de 2025-2027) cunhas táboas salariais cuxa suba estará por debaixo do art. 32 (saíndo moi prexudicadas as categorías máis baixas e maioritarias, que a día de hoxe están por debaixo do SMI, absorbendo a suba os distintos complementos). Logo, de non mediar denuncia, chegaría a 2030 cunhas novas táboas salariais anuais xa semipechadas, cun chan (coma o actual) e un teito, que non garanten o poder adquisitivo futuro, ao non introduciren cláusula de revisión salarial anual, como sempre demandou a CIG-Ensino.        

A CIG-Ensino como sempre afirmou defenderá os intereses do persoal traballador no marco estatal ate que este se peche, pero se, como é previsible, non se acadan os obxectivos de dignificar o convenio, tratará de facelo nun marco galego de negociación co fin de loitarmos por un convenio digno e xusto na Galiza. Para isto o que precisamos é maiorías sindicais e que o sector en cada centro de traballo se organice facendo as eleccións sindicais en torno ao modelo sindical da CIG-Ensino: reivindicativo, combativo e asembleario, renunciando ao pactista e entreguista que impoñen os sindicatos estatais, dende as súas cúpulas, en conivencia coas patronais (inmobilistas e involucionistas, cun bloqueo de máis de 3 anos), como levan facendo convenio tras convenio. A solución está nas vosas mans e máis agora que os convenios autonómicos teñen prevalencia sobre os estatais, tal e como recolle unha nova do Estatuto dos Traballadores.

Volver