Queremos Galego rexeita o uso partidista e interesado dos informativos da TVG por parte do Partido Popular
Manipulación da TVG polo PP
Queremos Galego rexeita o uso partidista e interesado dos informativos da TVG por parte do Partido Popular
A plataforma cidadá Queremos Galego denuncia o uso partidista e manipulador que o PP está a facer dos informativos da TVG, un medio público de todas e todos os galegos. Seguindo ao pé da letra o argumentario imposto desde o Partido Popular, como se do NODO se tratara, este medio público pretende convencernos das bondades dun decreto exterminador do galego como o que nos pretenden impor, a través de informacións sesgadas e sen contraste de opinións.
A TVG, ante a imposibilidade de agochar debaixo dunha alfombra os milleiros de galegos e galegas que participaron na masiva manifestación de onte, non lle quedou outra que darlle cobertura. Porén, para minimizar o impacto da folga no ensino e contrarrestar o seguimento que tivo entre a comunidade educativa, centraron a súa información nos escasos centros onde o seguimento da mesma foi máis escaso, limitándose a recoller opinións do profesorado que non secundou a folga e de pais e nais que se manifestaban a favor do decreto.
A plataforma cidadá sinala que a esa manipulación informativa déronlle continuidade na xornada de hoxe emitindo no telexornal mediodía dúas informacións, unha ao comezo do mesmo recollendo as condenas á queima da bandeira e outra, case ao remate, na que se daba boa conta dos beneficios de aprender en inglés diferentes materias. A noticia comezaba afirmando que o que está en debate é a aprendizaxe de linguas, para continuar cun exemplo de centro bilingüe (castelán/inglés?).
Queremos Galego quere lembrar que o problema non está en aprender inglés ou outras linguas, o problema está en que este decreto non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego. O problema é que estamos diante dunha proposta feita de costas á sociedade galega. O problema é que a súa aplicación suporá enfrontamentos nos centros. O problema é que a Xunta se burla de todas e todos os galegos cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar. O problema é que se vulnerar leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais dos dereitos lingüísticos. O problema é que estamos ante unha agresión, sen máis precedentes que os séculos escuros e os tempos do NODO que tanto botan de menos os señores do PP, á dignidade da nosa cultura e da nosa lingua.
Queremos Galego quere facerlle chegar ao PP e aos seus mandados na dirección dos servizos informativos da TVG a mensaxe de que por máis que manipulen a información, non van convencer ás miles de persoas que onte colapsaban a capital de Galiza, nin a outras miles que non puideron estar porque tiñan que traballar, de que este esperpéntico borrador de decreto é bo nin para a nosa lingua, nin para a nosa cultura, nin para o noso país. Nin sequera para aprender outros idiomas.
Queremos Galego ten por seguro que canto maior sexa a manipulación, maior será a indignación de todas aquelas e aqueles que non nos avergonzamos nin da nosa lingua, nin da nosa cultura, nin do noso país.