Queremos Galego reivindicará a lingua como a garantía de futuro do pobo galego este 17 de maio.
Manifestacións e concentracións encherán rúas e prazas de diferentes cidades e vilas galegas
Para os representantes de Queremos Galego, o actual goberno da Xunta actúa irresponsabelmente en relación ao noso idioma, lexislando contra el por primeira vez na historia, reducindo a súa presenza no ensino e o prohibíndoo para as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía, e ademais, segundo indicou Maceira, “por acción ou omisión, a Xunta néganos a posibilidade elemental de recibirmos, ou mesmo de optarmos polo galego no audiovisual, na dobraxe, no lexendado de filmes e series, nos servizos de atención telefónica, na etiquetaxe, na educación infantil, na formación profesional a distancia ou na formación de adultos, na administración electrónica, na xustiza ou na saúde, nos xoguetes e xogos infantís e xuvenís, entre outros”.
“Despois da masiva manifestación do 8 de febreiro, a única resposta que obtivo a sociedade galega foi un anuncio propagandístico, con máis nome que conteúdo”, en referencia ao Documento estrutural básico de dinamización da lingua galega no tecido económico, anunciado onte polo goberno galego e que malia as reiteradas solicitudes de envío por parte do portavoz de Queremos Galego á Secretaria Xeral de Política Lingüísitica, tivo que obter case clandestinamente, segundo afirmou.
Para Queremos Galego, “a lingua galega non precisa propaganda. Precisa accións concretas a favor dela, aprobadas unanimemente hai 10 anos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que non só está sen activar senón que ademais toda a acción de goberno nos últimos 6 anos foi na súa contra”. Para o portavoz da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “dá a sensación de que é un anuncio máis para rebaixar na práctica o conteúdo do xa acordado por unanimidade en 2014, algo que non consentiremos”.
“Se o goberno galego realmente quixese comezar a traballar a favor do galego, comezaría por derrogar o decretazo do ensino, e deixaría de proscribir o termo “normalización” como está a facer, malia ser o termo empregado polo Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística e o PXNLG. Faino porque é un termo indicativo da vontade de actuar para que a lingua propia de Galiza teña unha desenvolvemento plenamente normal”, engadíu.
Queremos Galego fixo , por último un chamado ao conxunto da sociedade a mobilizarse o 17 de maio, mais tamén nos días previos e a partir desa data. O pobo galego ten que ser o protagonista da reposición e normalización do seu idioma en todos os espazos e lugares e para todos os usos, activándose os 365 días dos ano.