Queremos Galego presentará os resultados do proceso Lingua Vital nunha multitudinaria asemblea o 14 de marzo

O acto desenvolverase na Praza da Quintana no marco das accións impulsadas pola plataforma para enfrontar a emerxencia lingüística

A praza da Quintana acollerá o vindeiro 14 de marzo unha asemblea multitudinaria e aberta na que Queremos Galego presentará á sociedade os resultados do proceso social Lingua Vital. Representantes das 57 entidades que participaron no proceso social, entre elas a CIG, anunciaron este evento multitudinario na rolda de presentación das liñas xerais do documento Lingua Vital, elaborado por máis de 100 persoas activas nos ámbitos dos dereitos lingüísticos, a calidade da lingua, servizos públicos, ensino, sociedade e economía, medios de comunicación, novas tecnoloxías, cultura e acción exterior, a partir das máis de 1300 achegas procedentes das asembleas convocadas en todas as comarcas.

Segundo indicou a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, “o 14 de marzo veremos o resultado dun proceso amplo, plural e participativo na procura de solucións efectivas para o idioma procuradas a través do encontro e a colaboración para reverter a emerxencia lingüística, co convencemento absoluto de que é reversíbel e de que existe moito futuro para o noso idioma".

Armas sinalou as principais liñas que seguirá o documento que será aprobado definitivamente o 7 de febreiro. Lingua Vital proporá avances normativos para a oferta positiva e a extensión e información sobre dereitos lingüísticos, a necesidade de fomentar unha lingua de calidade, a consolidación do galego como a lingua normal, predeterminada e plenamente operativa en todos os servizos públicos, a derrogación do decreto contra o galego no ensino xunto a un calendario de aplicación de medidas conducentes a facer do galego a lingua vehicular e, finalmente o apoio institucional e social ao uso e promoción do galego nos territorios de lingua galega situados fóra da comunidade autónoma e accións destinadas a afondar nos vínculos coa lusofonía.

Para o voceiro da plataforma, Marcos Maceira, mentres as entidades sociais se activaron para enfrontar a emerxencia lingüística, "a Xunta só actou para contestar o movemento social", facendo ver unha "suposta intención de viraxe desenmascarada pola súa propia actitude nos 15 meses que pasaron desde que se coñeceron os datos oficiais".

Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego lembrou a eliminación do coñecemento de galego para entrar nas listaxes de contratación pública, a posibilidade de que a TVG deixe de usar o idioma de Galiza, o boicot de Rueda á oficialidade do galego na UE, a oposición á entrada de Galiza na UNESCO, a lei de IA que exclúe a lingua, a supresión nos pregos dos campamentos de verán, o uso do castelán en campañas para a mocidade, a falta de recursos para a tradución ao galego de programas como Atenea e o desinvestimento en accións normalizadoras nos centros educativos ou o control do IGE, "para evitar que os datos poñan en evidencia a realidade lingüística ou social de Galiza".

Ataques permanentes do PP e da Xunta ao noso idioma

Sinalou que “toda esta colección de ataques á lingua en tan só 15 meses é un novo record na agresividade do PP e da Xunta contra o seu propio idioma", producido "mentres anunciaban un autopacto opaco e excluínte no que xa incumpriron o primeiro compromiso de presentalo antes de acabar 2025".

No nome das persoas coordinadoras dos grupos de traballo do proceso Lingua Vital, interviu a profesora da USC Soliña Barreiro que coordinou o grupo de medios de comunicación. Barreiro resaltou a importancia dos medios públicos para a normalización da lingua e a necesidade contar cunha estratexia a medio prazo que teña o galego como lingua de uso exclusiva, que aumente os recursos destinados á produción propia, e que procure a creación dun vencello coa sociedade que vertebre o territorio e xere cohesión cultural e lingüística.

CIG-Informa anuncio resultados proceso Lingua Vital

Documento


Volver