Queremos Galego presenta no Parlamento unha ILP "para unha lingua vital"
Recolle toda unha serie de medidas para reverter a emerxencia lingüística en diversas áreas sociais
Representantes das entidades sociais que apoian o Protocolo Lingua Vital, entre eles a CIG, presentaron esta mañá no Parlamento galego unha Proposición de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para reverter a emerxencia lingüística que amosan todos os estudos e que, en palabras do voceiro da plataforma, Marcos Maceira, "é reversíbel co compromiso do poderes públicos e das entidades sociais".
"Non nos resignamos", asegurou Maceira, "se a lingua galega está viva é porque hai unha sociedade que a defende e actúa para mantela". Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego recordou que mentres a Xunta amosaba por un lado un suposto interese pola lingua e lexislaba polo outro contra a súa presenza en ámbitos como os medios públicos, a administración ou a IA, a sociedade manifestábase en apoio aos acordos unánimes previos arredor da lingua (como o actual PXNLG, a DUDL ou o a CELRM) e ás alternativas que as entidades ían elaborando colectivamente nun proceso que culminou no Protocolo Lingua Vital.
A iniciativa lexislativa popular presentada hoxe recolle os principais aspectos dos acordos pola lingua acadados por entidades da lingua mais tamén sindicais, culturais, veciñais, da comunidade educativa, do ecoloxismo ou das persoas consumidoras. Unha vez admitida a trámite, comezará un proceso de recollida de sinaturas que contará coa implicación de centos de colectivos sociais e de persoas voluntarias para que en cada vila e localidade de Galiza se poida asinar e apoiar esta proposta para reverter a emerxencia lingüística e facer da nosa unha lingua vital, en todo e para todo.
"Na diversidade e pluralidade da comisión promotora desta lei", afirma Maceira, "pode verse que a lingua galega é elemento de unidade e cohesión social, que no contexto actual é máis necesario que nunca defender e impulsar". "Non hai ningún motivo para que o Parlamento non aprobe esta iniciativa lexislativa popular", conclúe, "porque non hai ningún motivo para incumprir os acordos en relación ao idioma".
Contido da ILP
Partindo das medidas contempladas nos acordos unánimes arredor da lingua (PXNLG, na CELRM, da DUDL e Lei Paz Andrade) e como resultado do proceso colectivo do que resultou o Protocolo Lingua Vital, preséntase unha proposta de lei con acción centradas en garantir a presenza do galego en todos os ámbitos e para todos os usos:
1. Garantía dos dereitos lingüísticos: para asegurar o cumprimento da PXNLG, a avaliación de impacto lingüístico das novas normas, o dereito ao uso do galego nos servizos económicos e comerciais e a creación dunha valedoría de dereitos lingüísticos.
2. Ensino: proponse derrogar o decreto contra o galego e estabelécese a galega como lingua vehicular e de acollida no conxunto do ensino sen que poida ser restrinxido, así como asegurar a formación do profesorado, a oferta de materiais e recursos didácticos, un programa específico na formación profesional e o aproveitamento da lusofonía.
3. Servizos públicos: Como lingua da administración pública, estabelece a oferta positiva en galego, o seu coñecemento para o acceso ao emprego público e a súa presenza e disposición por defecto e prioritaria da administración, incorpora clausulas e garantías de oferta e uso de galego nos contratos públicos. En ámbitos como a sanidade proponse a un plan de xestión lingüística e na xustiza a presenza do galego nos programas de xestión e documentos. Para contribuir á galeguización da administración a Xunta promoverá a creación de servizos de normalización lingüística e a coordinación entre eles. Por último, estabelécense accións e programas para a formación e integración de migrantes integramente en galego tendo en conta ás entidades representativas destas comunidades.
4. Medios de comunicación e dixitais: respecto aos medios públicos, a ILP propón o uso exclusivo do galego en todos os programas e producións, incluídos os contidos publicitarios, así como un plan estratéxico da CSAG que recupere o seu papel normalizador, o pluralismo e unha oferta ampla e atractiva, nomeadamente para o público infantil e xuvenil. Nas tecnoloxías propón asegurar a presenza por defecto e a súa incorporación nos servizos e dispositivos dixitais.
5. Oferta cultural, audiovisual e actividades deportivas: Estabelece o investimento público en obras e actividades culturais en galego, a promoción da distribución e difusión do libro en galego, cotas de emisión, dobraxe e lexendaxe para os fornecedores de servizos de comunicación audiovisual, garantir a exhibición de cinema en galego nas salas, e o galego como lingua das actividades deportivas nas que participar a Xunta.
6. Acción exterior, galego estremeiro e lusofonía: reclamación da oficialidade do galego na UE, o recoñecmento de Galiza na CPLP, mecanismos para a efectivización da ILP nos territorios de lingua galega fóra da comunidade autónoma e a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción do galego no exterior.
Disposición derrogatoria. Finalmente, a ILP, conta cunha disposición que derroga o decreto contra o galego no ensino e unha serie de disposición finais que modifican os aspectos máis lesivos contra o galego de leis aprobadas polo Partido Popular en ámbitos como o consumo, o emprego público, a administración local, os medios públicos ou a intelixencia artificial.
Entidades participantes
A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), Asociación Socio-Pedagóxico Galega (AS-PG), Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA Galicia), ANPAS Galegas, Prolingua, Rede da GaliLusofonia, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM), Asociación de consumidores de Galicia (ACOUGA), Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Federación Galiza Cultura, Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral, Asociación veciñal Agra, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Movemento Sumar Galicia, Vía Galega, Erguer, Galiza Nova, Confederación Intersindical Galega (CIG), CIG-Ensino, Sindicato nacional de Comisións Obreiras (CCOO), Federación de Ensino de CCOO e Unión Xeral de Traballadores e Traballadoras (UXT)
Novas relacionadas

