Queremos Galego inicia un novo calendario de mobilizacións para esixir a derrogación do Decreto de Plurilingüismo

Recollerá sinaturas a través da súa páxina web e convoca unha gran manifestación nacional para o 27 de xaneiro e unha concentración con “sorpresas” diante da Xunta o 12 do 12 de 2012 ás 12 horas

A plataforma Queremos Galego, que aglutina máis de 700 entidades, anunciou hoxe un novo calendario de mobilizacións para esixir a derrogación do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo e a elaboración dunha nova norma que teña como punto de partida o consenso acadado para o Plan de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento no ano 2004.Queremos Galego xa puxo en marcha unha recollida de sinaturas a través da súa páxina web e fai un chamamento á sociedade para que participe nunha concentración diante da Xunta en Santiago convocada para as 12:00 horas do día 12 do 2012 e nunha manifestación nacional que sairá ás doce da Alameda de Santiago o 27 de xaneiro.

Na rolda de prensa celebrada hoxe o portavoz de Queremos Galego, Carlos Callón, explicou que nas catro sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, logo dos recursos presentados por Queremos Galego, a Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a Real Academia Galega, fica claro que este decreto nos seus núcleos fundamentais é ilegal. “O Goberno galego ten que volver a liña que nunca debeu abandonar, a de que os rapaces e rapazas teñan competencia no noso idioma e o galego estea presente en todas as etapas educativas”. Callón insistiu en que á Xunta só lle queda o camiño de derrogar o Decreto.

A representante de Queremos Galego Susana Méndez tamén cualificou de mala nova para o galego a reelección de Jesús Vázquez como conselleiro de Educación e lamentou a “arrogancia e prepotencia” coa que o Goberno galego acolleu as catro sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “O TSXG acaba de facer unha chamada á orde para que cando menos se eliminen artigos que non fan máis que afondar no intento de erradicara lingua galego do ensino”. Queremos Galego agarda que a mobilización do 27 de xaneiro volva ser un fito histórico e convidan á sociedade galega para que “fale o que fale” amose que o trato que se lle dá ao galego desde que Feijoo é presidente da Xunta non é o adecuado.     

Nesta rolda de prensa o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, referiuse tamén aos novos cambios que propón o ministro de educación no anteproxecto de LOMCE como unha proposta reespañolizadora e recolonizadora. ´´É unha involución sen precedentes  coa que se quere liquidar todo vestixio de diversidade cultural e lingüística e coa que se promoven insubmisos ao coñecemento do idioma”, dixo. Anxo Louzao denunciou que nunha época de crise como a actual, marcada polos recortes nos servizos público, o Goberno pretenda levar adiante unha medida que supón un gasto en contra da diversidade.

Volver