Queremos Galego impulsará unha Iniciativa Lexislativa Popular para blindar o galego e reverter a emerxencia linguística

Queremos Galego anunciou esta mañá en rolda de prensa a primeira acción colectiva nacida do Protocolo Lingua Vital; a presentación en setembro dunha Iniciativa Lexislativa Popular

A plataforma de defensa da lingua dará a coñecer o texto da ILP en setembro, xunto coas persoas e colectivos sociais que forman parte da comisión promotora.

Na presentación participou unha representación das entidades apoiantes do Protocolo Lingua Vital: Lucía Veciño Souto (Fundación Galiza Sempre), Paulo Carrril (CIG) Claudio Pan Carollo (CCOO),  Antuán Rivas (Artistas da Dobraxe ADA), Olga Patiño (AS-PG) Rocío Núñez (Movemento Sumar), Mercedes Tobío (BNG), Xandre Garrido (Avante LGTB+),  Iria Nande (Galiza Nova), María Maroño (Erguer) e Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüistica)

Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, avanzou que os principais obxectivos desta ILP serán reverter as normas contra o galego e a emerxencia lingüística, blindar os acordos a favor do galego e garantir os dereitos lingüísticos. “Existe unha distorsión entre o que din os plans e a realidade legal da nosa lingua”, lamentou Maceira, “e precisamos que a lei ampare e asegure o cumprimento dos acordos estabelecidos a favor do galego”. “Incumprir o Plan non ten custes”, recoñeceu, “incumprir a lei, si”.

Maceira foi moi duro na crítica ao goberno galego. “Desde 2004 e desde 2024 vese a falta de palabra e de interese do goberno do PP en actuar a favor do galego”, asegurou. “A acción da Xunta foi contraria a calquera obxectivo normalizador fixado nos acordos nacionais e internacionais”, criticou. “Incumpriron ata os seus propios documentos e prazos”, recordou, “incluíndo a revisión do PXNLG que ía estar lista a finais do pasado ano”.

Segundo o portavoz de Queremos Galego, “se algo está a demostrar Rueda é que non é de fiar e a súa capacidade de pór a súa fobia ao galego -moatrada naquela infame manifestación de febreiro do 2009- por diante dos intereses de Galiza, porque a lingua galega é a mellor expresión da propia existencia de Galiza”. 

Unha das medidas máis urxentes para dar cumprimento ás resolucións do Consello de Europa e da ONU, que incluirá a proposición de Lei Lingua Vital, salienta Maceira, é a derrogación do decreto 79/2010, recoñecendo o galego como lingua vehicular e de acollida en todos os niveis, asegurando a docencia en todos os cursos e materiais didácticos, ofrecendo formación do profesorado e información a familias e aproveitando a lusofonía.

No relativo aos servizos públicos, é preciso blindar a oferta positiva na administración, xustiza e sanidade; asegurar a presenza do galego nos programas informáticos e introducir cláusulas lingüísticas nos contratos públicos. As entidades sociais do Protocolo Lingua Vital exixen, asimesmo, o fortalecemento dos servizos de normalización lingüística e a sistematización de programas específicos para as persoas inmigrantes que chegan ao noso país. 

A ILP tamén exixirá a reversión da lei de medios públicos, recoñecendo o papel do galego como lingua exclusiva da CSAG e emendando a lei de IA. Tamén pedirá investimento público en oferta cultural en galego, cotas de dobraxe, lexendaxe e financiamento antecipado, exhibición de filmes en galego nas salas e protección da nosa lingua nas actividades deportivas.

“Perante a emerxencia lingüística”, rematou Marcos Maceira, “só hai unha alternativa: o Protocolo Lingua Vital, elaborado por 70 entidades co apoio de 396, parte dos acordos e engade 300 medidas novas que comprometen entidades sociais e institucións favorábeis ao galego en todos os ámbitos da vida social”. “O galego está vivo e no debate social porque hai un pobo que a defende e que actúa”, concluiu.

Volver