
Queremos Galego comezará a recoller sinaturas para evidenciar o apoio social á iniciativa lexislativa popular rexeitada pola mesa do parlamento
A mesa do parlamento impide tramitar a ILP
Queremos Galego comezará a recoller sinaturas para evidenciar o apoio social á iniciativa lexislativa popular rexeitada pola mesa do parlamento
A plataforma asegura que “non vai calar por moito que queira Núñez Feijóo que a sociedade deixe de defender o galego”
Queremos Galego estudará respostas xudiciais contra a resoluciónda Mesa do Parlamento, que evidencia “a actitude prepotente dun Partido Popular que teima en non querer escoitar a sociedade”
Esta proposición de lei por iniciativa popular pretende garantir plenamente a posibilidade de uso do galego das e dos cidadáns perante a administración galega, desenvolvendo o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística e na Carta europea de linguas minorizadas.
Para Queremos Galego a non admisión a trámite desta ILP é unha mostra máis “do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso País, mesmo utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular para os seus fins”.
A plataforma cidadá lembra que o dereito á Iniciativa Lexislativa Popular é un dereito democrático básico recoñecido na Constitución española, “que vén de ser vulnerado”. A súa admisión a trámite non implica a súa aprobación, só marca o inicio dun período de recollida de sinaturas entre cidadás e cidadáns maiores idade e censuados en Galiza. Tras completarse o mínimo necesario (15.000), con todos os requisitos recollidos pola lei, motiva o seu debate parlamentario. Para a plataforma cidadá “é a este debate ao que ten pánico o Partido Popular, xa que evidenciaría que detrás do seu discurso o que se agochan son claras intencións de acabar coa lingua galega”. E recorda que “iniciativas anteriores foron tramitadas, sen lles seren aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da súa aprobación final ou non”.
Queremos Galego anuncia que “non se dobregará ante esta manobra antidemocrática e autoritaria do Partido Popular”, que “aínda motiva máis” ás perto de 700 entidades que integran a plataforma a seguiren realizando accións de defensa da nosa lingua. Neste sentido, Queremos Galego anunciou que iniciará un proceso de recollida de sinaturas “exactamente baixo as mesmas condicións que se faría coa ILP”, que serán presentadas no Parlamento galego a todos os grupos.
Para dotar de garantías xurídicas e velar polo cumprimento da legalidade en todo o proceso, constituirase unha comisión xurídica formada por profesionais de diversos ámbitos do Dereito e a xustiza.
Desde este momento Queremos Galego comezará a estudar a interposición dun recurso de amparo ante os tribunais competentes contra a decisión da Mesa do Parlamento, “co fin de restaurar en Galiza a normalidade democrática que o PP teima en facer desaparecer”.
TEXTO DA INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR