Queremos Galego comeza a recoller apoios para levar ao Parlamento a ILP Lingua Vital
A CIG chama a secundar a iniciativa que precisa xuntar 10.000 sinaturas para ser debatida na cámara galega
A plataforma de defensa da lingua Queremos Galego puxo este mércores en marcha a recollida de sinaturas para levar ao Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular ‘Lingua Vital’, unha proposta de lei deseñada por centos de entidades sociais, entre as que está a CIG, que buscan garantir a presenza do galego en todos os espazos e para todos os usos.
A iniciativa precisa xuntar 10.000 sinaturas para ser debatida na cámara galega. As persoas que queiran sumarse poden informarse dos puntos e as datas de recollida de sinaturas na páxina web linguavital.gal.
“O galego está en emerxencia, mais a situación pode reverterse”, asegurou o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, “co compromiso das organizacións sociais e dos poderes públicos, dándolle vida e futuro, con uso e presenza en todos os espazos”. Maceira recordou, no evento de presentación da campaña de recollida de sinaturas, que a ILP Lingua Vital parte do traballo que veñen desenvolvendo dende hai meses centos de organizacións e entidades sociais de todos os ámbitos para consensuar unha lexislación a favor do galego que ofreza garantías para que a lingua estea sempre presente, haxa oferta e se poida usar en calquera situación.
“Precisamos unha lei que asegure que quen xa fala galego poida facelo sempre”, explicou Maceira, “e que quen queira sumarse, nacese onde nacese, poida facelo sen obstáculos e sen límites”. “Unha lei para unha lingua con vida”, rematou, “unha Lingua Vital”.
Así, a proposta de lei abre as portas ao galego en todos os espazos e para todos os usos, e derroga ou modifica as leis e normas que o frean, incluído o decreto do plurilingüismo no ensino.
Entre outros aspectos, a lei defende que o galego sexa lingua vehicular, de acollida e de integración no ensino; garante os dereitos lingüísticos, para poder vivir en galego e atopalo na saúde, na xustiza, na administración ou no comercio; asegura súa presenza na cultura, no audiovisual e nos medios de comunicación; e reclama o lugar do galego no mundo, en todos os territorios onde é lingua propia, coa oficialidade na UE e a integración na lusofonía.
Apoio nos concellos
A ILP xa comezou a debaterse en plenos municipais e foi aprobada en Pontevedra e en Brión cos votos dos grupos municipais do BNG e do PSOE, que asumiron a súa presentación nos plenos e aos que as entidades queren agradecer o apoio. Mañá, xoves, será debatida en Moaña e no Concello de Santiago, a través do BNG, Compostela Aberta e o grupo non adscrito

