Publicado o vídeo da Asemblea online aberta para analizar a actualidade do conflito laboral docente

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, fixo un resumo das principais accións de loita protagonizadas polo profesorado galego os últimos anos, e especialmente este curso, e deu resposta ás preguntas sobre o escenario aberto a partir de agora.

A asemblea, que se alongou durante dúas horas, serviu para analizar a estratexia levada a cabo ao longo deste curso cun conflito escalonado e sostido no tempo e para reflexionar sobre a situación na que estamos actualmente, despois de que a maioría do profesorado considere insuficientes as medidas aprobadas pola Consellaría de Educación.

Laura Arroxo aproveitou para lembrar que a CIG-Ensino está recabando datos sobre os catálogos de postos de traballo dos centros de infantil e primaria e sobre os cupos do resto de centros para poder contrastar como quedan despois de que se materialicen as medidas aprobadas pola Consellaría respecto do horario en secundaria e noutras ensinanzas e da estabilización de profesorado de PT e AL nalgúns centros de infantil e primaria. Así mesmo, instou ao profesorado a que continúe a responder, se aínda no o fixo, á consulta aberta "A túa opinión é a que conta" coa que o sindicato pretende testar o sentir maioritario do persoal docente tanto sobre os acordos de 2023 e de 2026 como da estratexia a seguir para o vindeiro curso.

Volver