Publicado no DOG o persoal que superou as oposicións. Documentación, prazos e recursos

O Diario Oficial de Galiza publica hoxe a Orde pola que se fai pública a listaxe de persoas que aprobaron os diferentes procedementos selectivos, na que non aparece o persoal ordenado por nota de concurso-oposición polo que será corrixido mañá.

A partir desta publicación ábrense diversos prazos. En primeiro lugar o prazo para que o persoal seleccionado entregue a documentación pertinente que será do 4 ao 31 de agosto. En segundo lugar, os prazos para presentar recurso potestativo de reposición fronte a esta listaxe, que será de un mes desde mañá, é dicir, até o 2 de setembro, ou de dous meses se se trata dun recurso contencioso-administrativo, até o 2 de outubro, incluído.

A Consellaría adiantou a publicación no DOG do persoal aprobado no concurso-oposición con respecto a anos anteriores e, polo tanto, adiántanse tamén os prazos tanto de entrega da documentación como de posíbeis recursos fronte a esta Orde. A relación de persoas non está ordenada por nota de concurso-oposición, polo que advertida do erro a administración vén de comunicarnos que se publicará de novo mañá unha corrección de erros.

En calquera caso, e a falta de saber desa publicación ordenada, o persoal aprobado dispón agora até o día 31 de agosto para presentar a seguinte documentación: 

a) Certificado médico. Chega co certificado impreso polo SERGAS, non é necesario o da FNMT (o dos estancos)
b) Declaración responsábel. Ligazón modelo de declaración responsábelLigazón a outro modelo de declaración responsábel.
c) Certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais (só no caso de ter denegado expresamente a consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais cando te matriculaches para as oposicións). Ligazón

En canto saian publicadas as instrucións, actualizaremos esta nova e aparecerán colgadas nos apartados relativos ás oposicións da nosa páxina web:

Adianto do prazo de recursos

O adianto desta publicación no DOG leva implícito tamén o adianto dos prazos para presentar recursos ante a Dirección Xeral de Centros e RRHH contra a listaxe de persoas que superaron o procedemento selectivo, solapándose cos prazos aínda en vigor dos recursos de alzada ante a publicación das notas na web da Consellaría de Educación que dependen do día en que o fixera cada tribunal. Así pois, o prazo para presentar o recurso potestativo de reposición abranguerá practicamente só o mes de agosto dado que rematará o día 2 de setembro, e o do recurso contencioso-administrativo, que vai directamente ao xulgado, rematará o 2 de outubro. A CIG-Ensino critica que se concentren os prazos dos recursos administrativos (alzada e reposición) practicamente en todo o mes de agosto que é inhábil a moitos efectos.

Cursos para funcionariado en prácticas

A CIG-Ensino oferta unha serie de cursos presenciais por todo o país (A Coruña, Ferrol, Lugo, A Mariña, Santiago, Ourense, Pontevedra, O Morrazo e Vigo) para orientar ao funcionariado en prácticas tanto arredor de todo o que ten que ver con esta fase (duración, memoria…) como doutras cuestión de interese (alta obrigatoria en MUFACE, Concurso Xeral de Traslados, permisos e licenzas, dereitos laborais…) que contaron cunha excelente valoración nas edición anteriores. Son gratuítos e homologados e concéntranse nun só día.

A ligazón para a matrícula, xunto co resto de oferta formativa da CIG-Ensino para o curso 26/27, pode consultarse neste apartado da nosa web. Nestes intres está aberto xa o prazo para a inscrición nos cursos do primeiro trimestre.

A CIG-Ensino continuará apoiando ao persoal en prácticas durante o vindeiro curso e, por suposto, tamén ao persoal interino e substituto e ao persoal opositor, nun momento no que comezarán as negociacións para reformar o sistema de oposicións a nivel ministerial tal e como informamos a semana pasada, procurando sempre a unión de todos os colectivos fronte á estratexia de desunión da Consellaría de Educación.

 

Volver