Publicado no BOE o Acordo sobre o control horario e rexistro da xornada para os traballadores/as de E.I.

A CIG-Ensino non asinou este acordo por non ter en conta as nosas emendas ao texto proposto pola patronal e precarizar, aínda máis, a xornada laboral

Aparece o acordo no BOE do 20/12/2019, xusto un mes despois de ser asinado polas organizacións patronais ACADE, CECE, CECEI, EyG, FCIC e SALVEM 0-3 e as centrais sindicais USO, FeSP-UGT e FSIE, nunha única mesa, sen negociación e seguindo os mesmos parámetros do XII convenio asinado este ano.

Non foi asinado pola CIG-Ensino por tratarse  dun acordo de rexistro da xornada de traballo e control horario que vende dereitos laborais das traballadoras/es no que a tempo de descanso se refire, interrupcións legais laborais, recreos,… ao non querelos computar como xornada de traballo efectiva, tal e como se está  a facer agora, e dende sempre, na maioría das escolas infantís por costume e dereito adquirido, tratando de incrementar a xornada laboral máis, dentro do abusiva que xa é  a recollida no XII convenio.  

Ao igual que aconteceu na sinatura do XII convenio, a sumisión á patronal das demais OO.SS foi total, e á CIG-Ensino non se lle aceptaron as emendas propostas ao texto en xeral e sobre todo as do punto 4º do acordo, o máis conflitivo pola perda de dereitos laborais,  ao que demos distintas redaccións e propostas que non tiveron en conta as demais organizacións presentes na mesa de negociación, levándonos a tomar a decisión de non subscribilo.

A continuación tes a ligazón ao BOE onde podes ler o acordo e a ligazón ao CIG Informa do control horario

CIG Informa sobre o acordo do rexistro de xornada no sector da educación infantil

Documento


Volver