A Consellaría publica as vacantes provisionais sen negociar

A situación creada pola Xefatura Territorial e a Inspección da Coruña, negándose a manter reunións presenciais coa permanente da Xunta de Persoal, únese a falta de resposta noutras xefaturas ás propostas presentadas pola CIG-Ensino e outros sindicatos

Publicadas as vacantes provisionais que serán obxecto de provisión no concurso de traslados entre persoal funcionario docente.

A CIG-Ensino denuncia a ausencia total de negociación das vacantes da provincia da Coruña e a falta de resposta dalgunha outra Xefatura Territorial ás propostas que se fixeron no mes de decembro. O sindicato fai responsábel desta situación aos cargos políticos provinciais en primeira instancia mais tamén aos responsábeis de persoal nos servizos centrais e do propio conselleiro, xa que non actuaron despois de que se fixera pública a denuncia da Xunta de Persoal da Coruña pola negativa a negociar nas mesmas condicións que o resto das provincias e nas que o profesorado desenvolve o seu traballo, isto é, presencialmente.

Para a CIG-Ensino, esta situación implica romper coa liña positiva de negociación e boa fe iniciada no ano 2018 logo dun pormenorizado traballo do sindicato e que permitiu desatascar a oferta de arredor de 2.000 prazas que non se incluían nos concursos de traslados. O feito de que desde a Dirección Xeral de Centros e RR.HH. non se tomen cartas no asunto e de que o conselleiro siga desaparecido e sen dar resposta a ningún escrito ou solicitude que se lle manda é un exemplo da deriva do novo equipo, altamente preocupante ao negar a interlocución coas organizacións sindicais en temas como, entre outros, a negociación das vacantes no concurso de traslados.

Incerteza nas prazas ofertadas

O feito de que as prazas da provincia da Coruña se publiquen sen o máis mínimo control sindical impide coñecer se a Xefatura de Inspección está a cumprir os requisitos aprobados na Mesa Sectorial para a oferta de prazas en secundaria. Desde a CIG-Ensino animamos ao profesorado en xeral e ás direccións a reclamar todas as prazas que, respectando os criterios aprobados, poidan ter sido ocultadas pola Inspección. No caso do corpo de mestres, as prazas ofertadas deben estar incluídas no catálogo de postos de traballo

Por outro lado, a Consellaría non informou sobre a posíbel retirada de prazas en determinados centros que poderían transformar en CIFP. Segundo fontes da administración, estarían á espera dunha decisión final da Secretaría Xeral de Educación e FP, que non respondeu a unha solicitude da CIG-Ensino, sobre se vai haber ou non centros afectados pola creación de novos CIFP. Todo isto implica unha alta provisionalidade nas prazas agora comunicadas. Desde a CIG-Ensino demandamos que a Dirección Xeral actúe e se comprometa a manter a liña de negociación de vacantes comezada no anterior mandato.

Consulta de vacantes

Volver