
Publicadas as axudas da Xunta ao galego nos centros docentes públicos, que non sofren ningún incremento
A Secretaría Xeral de Política Lingüística anulou a convocatoria destas axudas do ano 2020, mais isto non se reflicte nas axudas deste ano
Na última convocatoria, a do 2019, a axuda media por alumno ou alumna foi de 2.29€.
A Xunta de Galiza contínúa menosprezando a lingua galega, desta volta mantendo a mesma dotación orzamentaria das axudas ao galego do ano 2019, despois de que se anulasen as axudas do último ano.
Na última convocatoria só se atenderon o 19,8% das contías solicitadas polos colexios e institutos públicos do país. Houbo 295 centros que recibiron menos de 1€ por cada alumno ou alumna do plan solicitado, sendo a contía mínima 0.07€/alumno cunha axuda media de 2,29€ por alumna/o dos centros que percibiron as axudas. É obvio que con 2€ non se está a fomentar nada e que 7 céntimos é un insulto, non só pola irrelevancia do que a propia axuda implica senón porque retrata sen xénero de dúbida a quen a outorga: un goberno de costas ao idioma que debería defender.
É urxente un cambio nestas políticas de abandono e desprezo pola nosa lingua. O fomento do galego precisa de moitos esforzos e dunha maior implicación dunha administración que vive de costas á nosa lingua e que parece máis preocupada no seu desmantelamento que na súa defensa.