Proposta da Consellaría para o profesorado itinerante.
Mesa Sectorial. Profesorado itinerante.
NEGOCIACIÓN DAS CONDICIÓNS LABORAIS PARA O PROFESORADO ITINERANTE
Na Mesa sectorial celebrada o 5 de xuño de 2007 a Consellaría de Educación, despois dunha longa insistencia por parte da CIG-Ensino, achegounos unha proposta sobre as condicións de traballo do profesorado itinerante.
Desde a CIG-Ensino manifestamos que non íamos entrar a debater o tema en profundidade sen estudalo antes, e que a Consellaría coñecía xa desde hai tempo as demandas do noso sindicato sobre o profesorado itinerante. Á espera do que se discuta nunha próxima mesa adiantamos unha valoración inicial crítica sobre o documento presentado.
Podes consultar o documento entregado pola Consellaría aquí
Podes coñecer as demandas da CIG-Ensino ao respecto do profesorado itinerante aquí
Na nosa valoración inicial salientamos que se debe expresar o carácter excepcional da figura do profesorado itinerante. Mostrámonos de acordo coa voluntariedade na elección destes destinos e criticamos a excesiva distancia (70 km) sinalada pola Consellaría, xa que dista moito da nosa proposta (20 ou 30 km). Tamén lle lembramos á Consellaría a nosa demanda de limitar a un máximo de dous desprazamentos na mañá e un pola tarde, así como a necesidade de incorporar cuestións relativas á saúde laboral e á protección da maternidade. Entendemos, así mesmo, que os custos dos desprazamentos deben ir a maiores dos gastos de funcionamento actuais dos centros. Instamos, en todo caso, á Consellaría a traer á próxima Mesa unha proposta máis acaída ás necesidades e demandas deste colectivo.
A Consellaría afirmou que traerá de novo o documento para a próxima reunión da Mesa Sectorial, que se celebrará o venres 9 de xuño.