Profesorado e alumnado de Informática do IES de Teis mobilízase contra o recorte de recursos por parte da Consellaría

A CIG-Ensino apoia a reivindicación que ten como orixe a eliminación das horas lectivas destinadas ao mantemento do soporte informático do centro que dá servizo a máis de 1.700 usuarios e usuarias

A comunidade educativa do IES de Teis desenvolveu onte no recreo unha concentración ás portas do centro para rexeitar a eliminación por parte da Consellaría de Educación da dotación horaria lectiva que permitía xestionar e soster a complexa infraestrutura tecnolóxica do centro composta por máis de 700 ordenadores, unha trintena de switches, un clúster de servidores e máis de 80 servidores. Cómpre lembrar que no IES de Teis impártense ensinanzas de ESO, Bacharelato, Educación para persoas adultas e ciclos de FP das familias profesionais de Informática e Comunicacións e Imaxe Persoal.

Este soporte técnico resulta imprescindible para o funcionamento diario das aulas e dos talleres e leva realizándoo o propio profesorado do centro nos últimos 40 anos, como acontece nos outros centros de Galiza nos que existe profesorado das especialidades de Informática e Comunicacións, o que lles permite non ter que contratar nin depender de empresas externas.

O profesorado afectado denuncia que a Consellaría decidiu “sen aviso previo” eliminar as horas lectivas que o persoal docente do Departamento de Informática e Comunicacións tiña destinadas a ofrecer este servizo, de forma que no caso de que se produza un fallo en calquera dos equipos informáticos “non se pode dar clase”. Ademais nestes intres o centro está paralizado porque, entre outras cuestións, non se puideron crear as contas individuais para alumnado e profesorado e estes non poden acceder aos recursos dixitais das aulas virtuais. “Se non se incrementa o cupo de profesorado -advirten- o alumnado de todo o centro verá reducida a atención educativa e particularmente o dos ciclos de Informática e Comunicacións sairá moito peor preparado que promocións anteriores”.

A CIG-Ensino, que estivo presente na concentración, aproveita para denunciar unh,a vez máis, que a modificación do horario lectivo docente non pode supoñer nos centros un recorte de servizos e que deben garantirse os recursos humanos suficientes para ofertar un ensino de calidade.

Volver