Primeiro día de folga na ESAD polos recortes dun 20% de persoal desde 2014 cunha participación do 100%
Nos últimos dous anos perderon en total seis prazas de persoal interino malia o aumento de matrícula nos estudos que imparten
Na concentración celebrada esta mañá diante do edificio da Xunta en Vigo tamén se denunciou o comportamento hostil e arbitrario que mantén o inspector encargado do centro ao que lle imputan a responsabilidade dos recortes efectuados no seu cadro de persoal. A CIG-Ensino pide a súa destitución e que se repoñan de inmediato as vacantes existentes para non prexudicar o prestixio e a calidade educativa da única escola que imparte estes estudos en Galiza. O sindicato denuncia a desidia e a falta de sensibilidade do xefe territorial e pide a intervención directa do conselleiro de Educación
Despois da aprobación maioritaria dos seus traballadores e traballadoras, hoxe deu comezo o primeiro dos tres días de folga cunha participación do 100% do profesorado chamado á folga.
Con estes días de folga preténdese denunciar os recortes de persoal aos que a Consellaría ten sometido este centro nos últimos anos. En concreto, para este curso académico a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e a Consellaría, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres adxudicando só 34 interinidades, das 40 que a dirección e o equipo docente consideraba necesarias. Esta política de recortes levou a que desde 2014 o cadro de persoal da ESAD se vira reducido nun 20% cando, despois dos peores anos da crise económica, se recuperou o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos.
Tal e como denuncia a CIG-Ensino o responsábel da toma destas decisións foi o inspector, Gustavo Lorenzo Prozzo, que amosa unha actitude totalmente hostil e arbitraria na súas funcións con respecto á ESAD. En concreto, este inspector intentou cambiar o perfil das prazas solicitadas e informou negativamente sobre a concesión das vacantes, presionando á dirección do centro e co menoscabo da autoridade do profesorado. En particular, o inspector amosa un enfermizo interese en menosprezar a Escola Superior de Arte Dramática na que se imparten estudos superiores, equivalentes ao grao universitario, obviando todas as particularidades que teñen estas ensinanzas en canto a atribución e horario docente.
O xefe territorial da Consellería de Educación así como a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos negáronse a mediar no conflito o que provocou que finalmente se consumase o recorte de persoal docente para o presente curso escolar.
A CIG-Ensino aproveitou a concentración desta mañá para pedir a dimisión do inspector de zona e para demandar da Consellaría a cobertura inmediata das prazas necesarias para o arranque do curso no centro, apelando directamente á responsabilidade do conselleiro de Educación. De non existir ningunha resposta por parte da administración a este respecto, mañá e pasado están previstas concentracións fronte ao edificio da Xefatura Territorial da Consellaría de Educación en Pontevedra ás 11 da mañá e o sindicato estudará co persoal da ESAD outras accións a emprender até ser atendidas as súas demandas.