Primeira semana do Correlingua con miles de rapaces e rapazas celebrando o galego polas rúas de Compostela, A Coruña e Moaña

En total foron 44 centros de ensino con alumnado desde infantil até Formación Profesional os que participaron nas carreiras e festas pola nosa lingua nestas tres localidades. Para a semana será a quenda de Monforte o mércores 13 e A Estrada o venres 15.

Música, faixas, lemas, creatividade, enerxía e sobre todo bo ambiente e un obxectivo compartido: marchar xuntos, profesorado e alumnado, polo presente e futuro do noso idioma baixo o lema da XXVI edición do Correlingua: Co galego no corazón facemos a revolución!

E fíxose a revolución, abofé que si. Esta semana as rúas de Compostela, A Coruña e Moaña acolleron a miles de estudantes de todo tipo de centros e de ensinanzas, desde infantil a Formación Profesional, desde escolas infantís até CIFPs, que participaron nas tradicionais marchas do Correlingua portando pancartas, cartaces, camisetas e outra simboloxía lúdico-reivindicativa en defensa do uso activo do galego. 

A primeira parada foi en Compostela o martes coa participación de 15 centros con dous percorridos en función da idade da rapazada participante que confluíron na Alameda onde tivo lugar a actuación de Zeltia Irevire e a lectura do manifesto. Houbo, como noutras edicións, concursos con entrega de premios e a activación consciente de que o galego vale para estar no mundo, como comentaron boa parte dos participantes. O alumnado do Centro de Educación Especial da Barcia finalmente non se achegou até o centro da cidade por mor da choiva pero celebraron igualmente dentro do recinto o Correlingua e deixaron constancia gráfica da súa implicación co idioma.

O segundo día, o Correlingua percorreu o paseo marítimo da Coruña desde a Torre de Hércules até o pavillón de Riazor. Neste caso, na festa final, presentada por Isabel Risco, actuou o grupo Mekánika Rock and Roll e partiparon un total de 25 centros. 

E, por último, o xoves foi a quenda de Moaña que acolleu unha nova edición do Correlingua con presenza de estudantado de 13 centros deste concello, así como de Bueu e Cangas. Neste caso foi Fran Rei quen dirixiu o acto final e a lectura do manifesto tivo un carácter especial ao contar coa participación da Once, unha acción que forma parte da campaña de "Actividade de sensibilización do club de braille da Once". 

O calendario de festas dos próximos días é o seguinte: 

- Mércores 13 de maio:  Monforte de Lemos

- Venres 15 de maio: A Estrada

- Martes 19 de maio: Narón

- Mércores 20 de maio: Ourense

- Mércores 20 de maio:  Ribadeo

- Xoves 21 de maio: Pontevedra

- Venres 22 de maio: Vigo.

- Venres 22 de maio: Lalín

- Mércores 27 de maio: Lugo 

Correlingua é unha actividade organizada pola CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega para fomentar o uso do galego en positivo desdo o ámbito do ensino, un contexto que nos últimos anos se está a converter nun elemento desgaleguizador da nosa sociedade. Mais, como lembraron as entidades organizadoras e colaboradoras nas intervencións dos seus representantes estes días “o futuro da nosa lingua depende de que se empregue con firmeza e ilusión por parte da rapazada, un obxectivo que entre todas e todos se vai conseguir”.

Volver