Primeira reunión sobre o RD de especialidades que determinarán os perfís das prazas e os ámbitos de coñecemento nas universidades públicas

A CIG Ensino critica que se presente un texto moi avanzado sen ningunha negociación previa coas organizacións sindicais nunha materia fundamental que afecta directamente ás condicións de traballo do persoal docente investigador.

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades presenta  neste final de ano o borrador do Real Decreto de especialidades de coñecemento e ámbitos de coñecemento que amplía as primeiras desde a 191 actuais ás 346 e fixa os segundos en 52. 

O Ministerio convocou ás organizacións sindicais a unha reunión informativa, que non de traballo, a 23 de decembro enviando unhas horas antes o borrador dun futuro real decreto no que se cambian as actuais áreas do ámbito universitario e se crean ou transforman a especialidades e ámbitos de coñecemento. 

As especialidades de coñecemento teñen un papel fundamental no que será o cadro de persoal docente investigador nestas institucións, que veñen a substituír as denominadas “áreas”, e que son as que van determinar os perfís das prazas futuras e actuais das universidades.

Desta forma o obxectivo deste real decreto é determinar as especialidades de coñecemento a efectos de establecer os perfís dos concursos das prazas do PDI das universidades públicas e os ámbitos de coñecemento a efectos de adscrición dos postos de traballo do profesorado.

O documento contén un cadro de 346 especialidades (actualmente hai 191) e 52 ámbitos de coñecemento aos que estará asignado cada posto de traballo logo dun proceso de adscrición que regulará cada universidade. 

Sen proceso de negociación

O Ministerio escúdase en que esta modificación do actual real decreto é fundamentalmente académica e o proceso de elaboración foi negociado coas distintas facultades e decanatos para xustificar non ter convocado con anterioridade a representación laboral do PDI. 

Desde a CIG Ensino trasladouse a preocupación pola falta de negociación en temas tan fundamentais como as especialidades e en ámbitos condicionantes das prazas que están directamente relacionadas coa mobilidade do profesorado. 

Durante a reunión pediuse tamén que se informe sobre a planificación da negociación coas organizacións sindicais. A resposta é que se nos convocará a unha reunión de traballo para a primeira quincena de xaneiro e máis alá deste proceso de negociación este borrador pasará a exposición pública aproximadamente en febreiro porque en marzo pretenden concluír todo o proceso para poder aprobalo a finais dese mes. En canto á súa entrada en vigor sería a partir da súa publicación cunha marxe de un ano de aplicación do mesmo por parte das universidades.

Volver