Preto dun cento de direccións fan público un comunicado de apoio á folga docente
Os sindicatos convocantes da folga levarán a cabo mañá unha marcha baixo o lema “Viramos San Caetano” para darlle un xiro ás políticas da Xunta e o mércores manifestacións até as Delegacións provinciais da Consellaría
A convocatoria de folga atinxe a todo o ensino medio desde infantil até Bacharelato, ademais de Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas de idiomas, escolas de artes...). Está convocado un colectivo de máis de 30.000 docentes entre funcionariado de carreira, interino e substituto con incidencia en 374.043 estudantes, segundo datos da propia Consellaría, sen contar o alumnado das ensinanzas de réxime especial, é dicir, preto de 400.000.
Nos últimos días foron moitas as adhesións de profesorado particular e de colectivos docentes ás 48 horas de folga convocadas pola CIG e STEG para mañá e pasado, un feito insólito que non se produce desde os anos 80 no ensino público galego. Ademais da participación en vídeos animando a compañeiros e compañeiras a secundar a folga, das mensaxes de ánimo nas redes sociais e da colocación de pancartas e cartaces reivindicativos nos propios centros, esta tarde sumouse un comunicado conxunto de preto dun cento de direccións de centros públicos de toda Galiza que amosan o seu apoio a esta convocatoria.
No documento indican que dan este paso “desde a convicción de que a educación pública é un dos piares fundamentais da nosa sociedade e de que precisa recursos, estabilidade e recoñecemento para garantir un servizo digno e de calidade”. Ademais como directores e directoras afirman ser coñecedores “de primeira man” da crecente sobrecarga administrativa, a falta de medios humanos e materiais, e a precarización das condicións de traballo do profesorado e do persoal non docente. “Esta situación -engaden- repercute directamente na atención ao alumnado, na innovación pedagóxica e na equidade educativa, valores que deben ser irrenunciables nun sistema público”. Por último defenden que esta non é unha folga corporativa porque “a defensa da educación pública non é unha opción: é unha responsabilidade colectiva. Por iso, apoiamos esta folga como un acto de dignidade e compromiso co noso alumnado, coas familias e coa sociedade galega”.
Apoio de Anpas Galegas e o sindicato de estudantes Erguer
Estes días previos á folga tamén chegaron outras manifestacións de apoio desde o sindicato estudantil Erguer que convocou ao alumnado de ensino medio e de Formación Profesional a secundar o paro e acudir ás mobilizacións, tanto á manifestación de mañá de Santiago, ás 12 horas nas que se rodeará San Caetano en demanda dun xiro radical das políticas da Consellaría de Educación, como as das capitais das catro provincias que sairán ás 11:30 horas con final diante das delegacións territoriais, dos seguintes puntos:
A Coruña: Rúa San José de Calasanz, n° 5 (CEIP Alborada)
Lugo: Praza da Horta do Seminario
Ourense: Dirección Territorial de Educación na Rúa Concello nº 11
Pontevedra: IES Valle Inclán no paseo de Montero Ríos
O mesmo acontece con Anpas Galegas que tamén animou ás familias a apoiar as reivindicacións que son común para toda a comunidade educativa, como a redución das ratios ou a dotación de maior persoal para atender á diversidade.
Táboa reivindicativa
Sen prexuízo de que se aborden cuestións que non teñen estrito carácter laboral como a situación da lingua galega no ensino, garantías de liberdade e de respecto ao traballo docente ou a renegociación do Decreto que vai regular a Formación Profesional estas son as principais reivindicacións que motivaron esta folga.
- Baixada de ratios no inicio de todas as etapas educativas a partir do vindeiro curso 26/27.
- Recuperación do horario lectivo recortado en 2011 (21 horas en primaria e infantil) e en 2012 (18 horas no resto de ensinanzas) tamén a partir do vindeiro curso e fin da discriminación horaria nos CIFP e centros de ensinanzas artísticas. Galiza é a única comunidade de todo o Estado que permanece coas 20 horas en secundaria e outras ensinanzas.
- Medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade (criterios para a dotación de persoal especialista de PT e AL, incremento do número de orientadores/as nos centros, cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades en todas as etapas, autorización de desdobres, PDCs e FP básica en todo o territorio...)
- Un plan real de eliminación de burocracia que leve aparellado, entre outras medidas, un incremento da dedicación horaria para equipos directivos, coordinacións e titorías.
- Melloras retributivas: incremento retributivo lineal para todo o profesorado no complemento autonómico que permita recuperar o poder adquisitivo perdido, recuperación do cobro do verán para o persoal substituto que traballe 5 meses e medio e equiparación salarial do PESSFP co resto de profesorado de FP.
- Redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas.

