Prácticas antidemocráticas e autoritarias que reflicten a desconfianza da Consellaría a respecto do bo facer e da responsabilidade do profesorado e das direccións dos centros
A Consellaría está utilizando as inspeccións como se dun corpo policial se tratase a fin de interrogar dun xeito intimidatorio os centros educativos sobre a realización do referendo das reválidas nos centros educativos
A Consellaría interroga as direccións dos centros mediante unha batería de preguntas que exceden da simple consulta para coñecer a realización ou non do referendo no centro. A conduta intimidatoria e represiva da Consellaría reflíctese no tipo de preguntas que se realizan, cando o referendo foi realizado na hora de recreo e en ningún centro se produciu ningún tipo de incidencia nin conflito.
É inaceptábel e propio dunha caza de bruxas que a Consellaría use a inspección educativa para unha actuación policial en lugar de dedicar o tempo a outros cometidos.
Máis grave, se cabe, é a pregunta de se o profesorado e o equipo directivo participaron ou non e a solicitude da relación do profesorado que participou . Unha vez máis, fica demostrada a desconfianza da Consellaría a respecto das direccións, do profesorado e da súa responsabilidade e bo facer.
Estamos ante un salto cualitativo na actitude represiva e autoritaria da Consellaría que procura calar as voces críticas, que son maioritarias, en contra da LOMCE e das súas reválidas.
Non podemos aceptar estas prácticas antidemocráticas que impiden que o alumnado se exprese e que perseguen o profesorado. Exiximos que cesen estas actuacións e que o conselleiro explique e se desculpe por este proceder. O señor conselleiro de Educación debe saber que estas actitudes, en lugar de amedrentar o profesorado e o alumnado, agudizan e dan novos azos para continuar rexeitando as reválidas e a LOMCE até a súa derrogación.