Polo dereito indefinido do profesorado a xubilarse anticipadamente

Non aos recortes do sistema público de pensións

Nos últimos anos foron constantes as reformas do Pacto de Toledo encamiñadas a empeorar a xubilación dos traballadores e traballadoras. Agora preténdense renovar estes pactos para reformar de maneira brutal as pensións, alongando a vida laboral activa, restrinxindo a xubilación anticipada, incrementando o número de anos para o seu cálculo, etc.

Asina nesta ligazón

Vénse insistindo reiteradamente na posíbel quebra da caixa de pensións para xustificar os recortes e achanzar o camiño para privatizar o actual sistema, co obxecto de convertelo nun negocio do capital financeiro. Todos estes presaxios non están xustificados neste momento, pois a caixa de pensións ten un superávit de 50.000 millóns de euros e mantense, polo tanto, a solvencia das mesmas. En todo caso, as pensión son un dereito fundamental e público e deben estar aseguradas polos ingresos xerais do Estado, antes de acometer outros gastos.

Desde o ano 1991, o profesorado veu gozando do dereito a xubilarse anticipadamente. Esta modalidade de xubilación, amais de recoñecer a importancia da función social do profesorado e o desgaste desta profesión, tivo unha importancia destacada para que as últimas ofertas de emprego no ensino foran significativas. No ensino, a creación de emprego para reducir o paro pasa porque o profesorado se poida xubilar anticipadamente e se cubran todas as necesidades educativas dos centros. Ademais non podemos permitir que se recorte unha cobertura social que fomos conquistando entre todos e todas.

Proximamente, no ano 2011, remata a prórroga para acollerse á xubilación anticipada, recollida na disposición transitoria segunda da LOE que estabelece que “o goberno, previa consulta ás comunidades autónomas, procederá á revisión do tempo referido ao réxime de xubilación voluntaria, así como á dos requisitos exixidos”, por iso, máis unha vez, o profesorado abaixo asinante exixe ao Ministerio de Educación e á Consellaría de Educación:

  • O mantemento das actuais coberturas das pensións e do seu carácter público. Opoñémonos ao incremento da idade de xubilación obrigatoria ou do período de cálculo da pensión.

  • O dereito indefinido do profesorado para podermos continuar a xubilarnos anticipadamente, segundo os criterios estabelecidos na LOE, mellorando as súas gratificacións.

  • A mellora das actuais pensións: Dereito a percibir o 100% do haber regulador con 30 anos de servizo no horizonte de atinxir unha xubilación co 100% de todas as retribucións.

Asina nesta ligazón

Polo dereito indefinido do profesorado a xubilarse anticipadamente

Volver